Hai na innovación algo de responsabilidade social. Hai sen dúbida lexítimo interese por parte das empresas que teñen un reto fundamental en tentar traducir a súa diferenciación nunha competitividade validada polos clientes recorrentemente. Pero, máis aló desta necesidade corporativa, a innovación é unha contribución á nosa sociedade por actitude, por proceso e por resultados.
Nos exemplos que contén este libro hai unha actitude de fondo compartida. Unha vontade de procura de novas solucións, un esforzo de investigación, creatividade ou lateralidade, un desexo de anticiparse ás necesidades aínda non expresadas polos clientes ou simplemente a execución práctica de anos de exploración científica. A innovación como actitude é unha mostra de vitalidade social e corporativa, é un aceno de identidade de sociedades espertas, esforzadas en construír o futuro a través de novas solucións..
A innovación é un proceso de concreción práctica de novo coñecemento ou de novas formas de combinar coñecemento xa conquistado. Pero o que subliña a innovación é a súa radicalidade práctica. Sen que chegue aos mercados ou aos usuarios se se trata de proposta de valor público, non hai innovación. Neste sentido, os testemuños que recolle esta publicación son unha mostra de compromiso coa transformación práctica de ideas de novo cuño. Non se trata de publicacións ou de reflexións, trátase de casos concretos de implementación práctica de investigacións científicas, tecnolóxicas ou de mercado. Pero detrás de todas elas hai un proceso que as fai tanxibles a usuarios ou clientes concretos.
E, finalmente, a innovación en forma de resultados. A innovación é un proceso que non sempre acerta, é máis, o risco é consubstancial á innovación. Non hai resultados significativos sen risco significativo. Por iso, cando empresas como as que recolle este libro deciden arriscar fano na procura de resultados que lle dan sentido a todo o proceso. Resultados que en termos corporativos buscan unha diferenciación que se traduza na súa posición nos mercados. A súa capacidade de risco, de compromiso, é de agradecer. Unha sociedade que non arrisca responsablemente para innovar non ten opcións serias dun futuro próspero.
As sociedades necesitan referentes. As empresas que hai neste libro son un referente de innovación e de responsabilidade social en Galicia. Son, ademais, un exemplo, unha invitación a outros a arriscar, a saír da zona de comodidade, a buscar a implementación radical de novas ideas. É unha satisfacción ter estes referentes en Galicia e poder darlles a proxección social máis que xustificada que pretende esta publicación. Quérolles agradecer sinceramente os seus esforzos, a súa capacidade de traspasar fronteiras e cuestionar ortodoxias e, especialmente, a súa realidade de proxectos empresariais innovadores. Estou convencido de que o seu exemplo animará a outras empresas a impulsar a senda da innovación.