Prestar un mínimo de atención aos centos de mensaxes publicitarias que pretenden chegar a nós cada día permítenos comprobar ata que punto o termo innovación se converteu nunha idea-forza para os anunciantes. ¿Por que ocorre isto? Porque o concepto innovación vende, é un activo comercial estratéxico para calquera marca e non só o é dende un punto de vista abstracto, senón que realmente o mercado funciona así en todas as súas vertentes. Hai non moito tempo innovar era unha vantaxe competitiva de alto valor engadido para calquera empresa, que non é pouco, pero hoxe é un factor de supervivencia, un elemento de selección natural no ecosistema empresarial, que máis que nunca é duro coma a selva.
A mensaxe que a Xunta de Galicia lanza continuamente aos axentes do Sistema Galego de Innovación, e moi especialmente ás empresas, é que a hora de pensalo xa pasou. O noso Plan Galego de Investigación, Innovación e especificamente dirixidas a dar soporte ás empresas nos seus esforzos innovadores. É por isto que en gran medida estruturamos o I2C coa prioridade de dar apoio á colaboración con centros de coñecemento para que as empresas se beneficien da posta en valor no mercado dos resultados de investigación destes, á participación en proxectos de alto impacto con capacidade para captar financiamento procedente da Unión Europea, á abordaxe de procesos de innovación aberta para mellorar a eficacia e a eficiencia dos proxectos e, sobre todo, á incorporación das dinámicas innovadoras en todos e cada un dos departamentos e procesos da empresa a través dunha xestión ordenada e profesionalizada.
Como parte desta tarefa comprometémonos coa difusión de experiencias que poidan servir como referente ou motivación para pequenas e medianas empresas de toda Galicia e de todos os sectores de actividade. E así, no marco do Eixo Estratéxico de Difusión e Divulgación do I2C, nace este ‘i.20’, un relato que fía unha vintena de casos de éxito de innovación empresarial construídos en Galicia co i por diante. I de innovación e internacionalización, i de imaxinación e iniciativa, pero, sobre todo, i de ilusión. Aquí cóntanse historias moi diferentes: de empresas familiares con gran traxectoria e de negocios incipientes; de innovación en produto, en servizo, en organización, en distribución ou en mercadotecnia; de sectores de actividade tradicionais na economía galega ou en plena eclosión; do interior e da costa… pero, a pesar da variedade, cun denominador común: o ímpeto, o esforzo, as ganas de competir e, por todo iso, un proxecto de vida empresarial cheo de ilusión e confianza no futuro.
Dende a Consellería de Economía e Industria acompañamos no camiño a moitos deles e agora contamos as súas historias neste libro para transmitir que si é posible. Buscamos empresas de todos os perfís para que como mínimo nalgún momento da lectura cada peme poida verse reflectida e, se aínda non o fixo, dar o paso. Para os demais lectores, a nosa mensaxe é que en Galicia queda aínda moito camiño por percorrer, pero temos bos vehículos (dos que aquí hai vinte exemplos) e nós seguiremos traballando duro para que as estradas da innovación sexan cada vez máis transitables e seguras.
Feliz lectura