UN MAR DE SABORES

O mar danos de comer peixe e marisco, e dende hai 13 anos ofrécenos algo novo que levar á boca: as algas. A empresa Porto-Muiños comercializa preto de 30 variedades destes vexetais mariños e transfórmaos en máis dun cento de alimentos. Dende a torta ata a fariña, pasando polo pesto, o arroz, as conservas de berberechos, os tallaríns, o té ou o chimichurri, as algas valen para todo na firma que preside Antonio Muiños.

OS PRODUTOS, CUN PRECIO QUE VAI

desde un euro ata os 15, incorporan como ingrediente base algas galegas. A variedade de produtos foise incrementando progresivamente, de xeito que das presentacións iniciais de algas secas en bolsa e en salmoira (os produtos máis sinxelos, pero tamén os máis consumidos) evolucionouse ata a incorporación das algas aos mexillóns ou á infusión de rooibos. A todos eles súmanse dende finais de 2011 o cous-cous ou as sopas instantáneas.

O nicho de mercado que definen como fundamental é o da hostalería. De feito, Muiños sinala que coas algas comercializadas pola súa marca poderían encher a carta de calquera restaurante ou viñoteca. Tamén se poden atopar nas grandes superficies ou, no caso dos alimentos máis selectos, nas tendas delicatessen. Contan, asemade, con liñas específicas para celíacos e para as coñecidas como tendas bio de produtos ecolóxicos.

Premiados en varias ocasións en feiras internacionais, envían ao mercado mundial preto do 30% da súa produción: franceses, alemáns, ingleses, gregos, suízos ou xaponeses disfrutan dos alimentos desta industria galega, que nun breve prazo de tempo tamén exportará a terras australianas, estadounidenses e sudamericanas, entre outros destinos.

Unha das súas últimas apostas coñecidas pasa por impulsar o concepto da tapa enlatada en España, pensada para viñotecas sen cociña. O entusiasmo deste empresario galego por esta liña é tal que mesmo conseguiu que as tapas aparecesen nunha das películas presentadas no Festival de Cine de San Sebastián. E, como os produtos están baseados no mar, non podían faltar as preparacións específicas para navigantes, os que pasan os seus días no mar. Para consultar o menú a bordo, abonda con visitar http://www.cocinaparanavegantes.com/tienda/es/.

Segundo reflexiona Antonio Muiños, o obxectivo é introducir a alga como un ingrediente máis nos fogares para achegar esta verdura do mar á gastronomía cotiá. “Tan habitual coma unha pasta de millo pode ser unha pasta de millo con algas”, apunta. Con todo, o éxito levounos a presentar outros alimentos que non incorporan algas. É o caso dos arroces, no que unha das variedades se presenta con setas, o que pode actuar como gancho para conducir ao consumidor cara ás outras dúas variantes que si inclúen algas.

A innovación é sumamente necesaria para medrar e manterse no mercado, porque a empresa que non conta con ela perde de xeito rápido unha cota de mercado moi grande. Inda que sexa complicado para as pequenas empresas, vale a pena porque sempre hai quen é capaz de facer o mesmo ca ti máis barato ou imitarte. E a innovación axúdache a combater estas ameazas”. Antonio Muiños

As correntes mariñas galegas xunto á súa recortada costa, garanten unha flora submarina moi rica en canto a cantidade e diversidade de especies. Destaca ademais o seu bo estado de limpeza, especialmente no caso da Costa da Morte, de onde extraen maioritariamente as plantas seleccionadas. Muiños explica que das 600 variedades que existen en Galicia recollen máis de 30 especies para o seu tratamento. As algas son tamén tratadas, envasadas e distribuídas dende a propia factoría instalada en Cerceda (A Coruña), polo que o produto final é integramente galego.

A empresa destaca tamén pola súa capacidade de captar axudas públicas para os seus proxectos. Neste momento, traballan en tres para os que recibiron subvencións da Consellería de Economía e Industria, coas que sufragan o 70% dos custos. Trátase dunha iniciativa baseada na elaboración de películas comestibles a base de extractos de algas, dunha proposta para formular un plástico biodegradable que inclúe extractos de algas e da recuperación para uso industrial do peixe de descarte do porto de Vigo. Previamente xa recibiran outras seis subvencións da Xunta de Galicia e outra do goberno do Estado, que permitiron que Porto-Muiños se convertera na “empresa-tractora” do sector das algas, segundo eles mesmos se autodenominan.

Na recepción das axudas é clave a tarefa do xestor de innovación, quen tamén axudou para que a empresa conseguira ampliar o seu volume de facturación ata os dous millóns de euros. A colaboración deste profesional axudou á incorporación de Porto-Muiños a proxectos europeos e a iniciativas nacionais e á entrada nas plataformas tecnolóxicas galegas Agroalimentaria (PTGAL) e de Acuicultura (PTXGA), ademais de no Centro Tecnolóxico Instituto do Frío de Madrid. O traballo do xestor de innovación foi tamén decisivo para a colaboración con outras empresas, froito da que naceron as galletas mariñeiras ou produtos que comercializan as franquicias dunha coñecida cadea de pizzerías, entre outros éxitos.

O presidente da empresa cualifica a innovación como “o elemento diferenciador” que se traduce nunha produción continua e nunha investigación sobre o produto rematado e tamén en todas as súas fases. Isto explica que teñan ata quince alimentos xa desenvolvidos dende hai un ano que inda non viron a luz. Segundo os cálculos de Muiños, só dez dos seus produtos se poden considerar como “semellantes” a algo que xa había no mercado, fronte ao resto que son “totalmente innovadores”. Nese senso, confesa que resulta moito máis difícil penetrar por primeira vez no mercado que incorporar máis produtos a un sector no que xa introduciran previamente as algas.

Algún dos datos que dan boa idea da forza desta empresa galega, que a día de hoxe emprega a 23 persoas de perfís profesionais ben diferentes (de químicos a biólogos pasando por técnicos superiores), son as súas colaboracións con restauradores da talla de Ferrán Adriá e tamén o desexo de varias tendas que queren ter a imaxe de Porto-Muiños como bandeira dos seus locais, amén dos 5.000 amigos que acadou no Facebook.