TECNOLOXÍA BIOMÉDICA PARA SALVAR CORAZÓNS

“Protexer ao paciente do médico”. É a filosofía que rexe boa parte dos proxectos deseñados por Manuel Parente, o presidente e un dos socios fundadores de Conic Vascular, unha iniciativa empresarial de tecnoloxía biomédica que desenvolve e fabrica produtos de radioloxía e cardioloxía dende o seu centro de traballo de Bertamiráns (A Coruña).

A EMPRESA ATOPOU APOIO FINANCEIRO

en Suíza, dende onde comercializa os seus produtos. A súa estrela no mercado é o balón cónico, un minúsculo catéter de apenas tres milímetros de diámetro para o sistema vascular que permite dilatacións coronarias sen a necesidade de practicar un bypass a peito aberto. O catéter entra no sistema coronario a través do pulso ou ben pola íngua do paciente.

O balón deseñado por Conic Vascular axústase á fisionomía da arteria, unha adaptación lóxica na que poucos repararan. En dous anos de traballo conseguiron mellorar o primeiro prototipo desenvolvido en Zurich en 1994 coa introdución de materiais coma o nylon e a adaptación exacta á arteria. Actualmente, o produto distribúese desde Suiza a 57 países, podendo chegar a ser o número un de España pola súa calidade e prezo con respecto aos seus competidores. O resto de mercado abrangue países coma Italia, Grecia, Brasil, Exipto ou Irán. Hai poucos meses iniciaron conversas con Uruguai para distribuír o balón cónico a toda Latinoamérica.

Os dous produtos de Conic Vascular foron patentados a nivel internacional, aínda que a innovación da empresa non remata aí. "Non poderiamos vivir eternamente con dúas patentes", recoñece o presidente da compañía mentres enumera os proxectos pendentes. Un 80% aínda forman parte do reto formulado pola empresa en 2008, ao iniciar a súa andaina.

En colaboración coa entidade de capital risco XesGalicia, a empresa con base galega traballa xa en oito novas patentes, "cinco delas revolucionarias", segundo Manuel Parente. Os proxectos van dende o deseño dun catéter que evite o secado lacrimal ata a fabricación dun sten pediátrico -pequeno tubo de metal que se expande dentro da arteria para evitar que esta se peche- para recén nacidos afectados por deformacións arteriais. Ata o de agora, a patoloxía implicaba unha operación a corazón aberto e a colocación dun implante que había que substituír a medida que o paciente ía medrando. A solución na que traballa Conic Vascular é un sten que medrará co neno, de maneira que se someterá a unha única intervención. "Temos a garantía de que o produto non romperá en dez anos, pero queremos acadar os vinte. Nese momento o sten poderá ser comercializado", expón Parente.

O equipo de Conic Vascular idea tamén unha solución específica para o corazón dos diabéticos. "O seu sistema arterial ten máis temperatura e non vale tratalo igual", sostén Parente. Para logralo desenvolven un balón recheo de líquido de contraste frío co que eliminar as células musculares que colleron peso ao depositarse nelas o colesterol.

Se non hai innovación non hai futuro. O éxito reside en ser capaz de diferenciarse, en ser especiais no campo no que desenvolvemos os nosos produtos. O problema das empresas é que cando gañaban non investían e por iso quedaron atrás”. Manuel Parente.

APLICACIÓN EN ICTUS

Os avances no campo instrumental médico leváronos a aliarse cunha empresa de Miami á que prestan o balón cónico para buscar solucións contra os ictus cerebrais. O balón leva no seu interior unha fibra óptica que emite unha luz que á súa vez desprende óxido nítrico, capaz de desfacer o trombo do paciente. Manuel Parente vai máis alá e pensa en "aproveitar a experiencia para ver se é posible aplicalo no corazón".

Parente é un bo exemplo de emprendedor innovador. O seu traballo na multinacional Schneider World Waide -con sede Suíza/USA-, no Bolton Medical Inc de New Jersey&Miami e no Boston Scientific Irlanda/USA, tres centros de referencia mundial na produción de tecnoloxía endovascular e cirurxía cardíaca, abriulle as portas de numerosos proxectos internacionais. Ademais, grazas a unha axuda da UE colaboran xunto ás Universidades de Barcelona e Valladolid nun proxecto cunha empresa italiana.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Ministerio de Industria concedéronlle unha axuda de 1,8 millóns de euros para montar un laboratorio en Cedeira (A Coruña) dende onde poder seguir perfeccionando os seus produtos e desenvolver a materia prima que agora están a adquirir fóra de España. Parente incorporará á nova empresa, unha extensión de Conic Vascular, catorce postos de traballo, todos eles para mulleres.

"Producimos, desenvolvemos e innovamos todos ao mesmo tempo". Parente ten clara a importancia da investigación, á que espera adicar o 80% dos recursos da empresa. Conseguiu que o seu balón cónico se limite a unha porcentaxe de rexeitamento do 1% en España, un 5% en Suíza e un 11% en Alemaña, cifras impensables para moitos dos seus competidores.

O persoal que conforma a planta de Bertamiráns aprendeu todo o proceso de montaxe do balón cónico, de maneira que "todos están capacitados para facelo todo". Unha vez as pezas chegan de puntos de todo o mundo, a montaxe, embalaxe e deseño leva o selo galego. A ensamblaxe de cada un dos balóns supón un tempo de 17 minutos. Malia que existen máis de 70 empresas dedicadas a propoñer solucións en arterias, Conic Vascular forma parte do grupo de oito pemes que xa conseguiron o 20% do mercado mundial. A empresa de Parente está entre as primeiras cinco das pequenas empresas no ranking internacional de vendas.

"Sen innovación teríamos dous anos de vida", recoñece Parente. Consciente de que a pervivencia pasa pola investigación, coidou de xeito especial a empuñadura do balón cónico pensando no incremento do número de mulleres cardiólogas e no mercado chinés. "As mulleres só poden ser tratadas por cardiólogas e elas teñen unhas mans máis pequenas, adaptámonos ao médico", comenta.

Este enxeñeiro industrial, cun máster en plásticos, soubo incorporar o coñecemento adquirido ao longo da súa vida e transformalo en produtos únicos cun potencial de venda moi importante a nivel internacional. En 2010 a facturación da empresa superou os dous millóns de euros, a cantidade que ten previsto destinar a innovación nos dous próximos exercicios.

O seu balón cónico distribúese actualmente dende Suíza a 57 países como Italia, Grecia, Brasil, Exipto ou Irán.