SOFTWARE LIBRE DENDE GALICIA PARA TODO O MUNDO

En 2001 un grupo de dez recén titulados en Enxeñería informática funda Igalia, unha empresa especializada no desenvolvemento de software libre que naceu con visión internacional e cunha forte implicación social. Dende entón teñen pasado dez anos nos que a cooperativa con sede na Coruña conseguiu especializarse no sector tecnolóxico e internacionalizar boa parte dos froitos do seu traballo.

IGALIA INCREMENTOU A SÚA FACTURACIÓN DESDE

os 200.000 euros ata os 1,8 millóns cos que pechou o exercicio 2010. Os máis de 70 acordos rubricados coa multinacional finlandesa Nokia tiveron moito que ver no despegue da compañía neste período.

O coordinador da área web e un dos socios fundadores da empresa, Xavier Castaño, explica a evolución operada por Igalia dende o inicio da súa actividade. Na actualidade, as liñas de negocio son dúas: a área desktop mobile, con gran penetración no mercado exterior, e a área web. Ademais, Igalia conta cunha área de innovación, con obxectivos a longo prazo, baseada no investimento e especialización en tecnoloxías clave que permitan abrir máis vías de negocio nun futuro.

O coñecemento e o desenvolvemento de Igalia sobre plataformas GNU/Linux e Gnome permitiulles desenvolver software para as plataformas Maemo e Moblin, impulsadas por Nokia e Intel, respectivamente. A empresa ten colaborado na mellora da última versión de Meego, a plataforma empregada no N-900, un dos móbiles de última xeración de Nokia. A parte do negocio referente á área desktop mobile supón un 75% da facturación da empresa grazas aos acordos asinados con pequenas empresas e multinacionais de países como Finlandia, Estados Unidos ou Reino Unido.

Os contactos internacionais e a experiencia a nivel mundial converteron a Igalia nunha compañía de referencia no emerxente sector TIC en Galicia grazas a unha elevada capacidade para liderar proxectos a nivel internacional. Por outro lado, no ámbito local, a área web desenvolveu o proxecto ‘Naval Plan’ financiado con 500.000 euros pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. A experiencia, inicialmente centrada no sector naval, tenlles demostrado que esta aplicación web para a planificación de proxectos pode ser útil para outros sectores e empresas interesadas en aplicacións de software libre. Así, apostaron por seguir investindo no proxecto, que a partir de agora pasará a denominarse ‘Libre Plan’.

Desde o ano 2010 Igalia destina unha media de dez empregados a colaborar no desenvolvemento do motor web ‘WebKite’, motor que se emprega hoxe en día como base para os navegadores Google Chrome ou Safari. Xavier Castaño subliña que a principal vantaxe que ofrece a compañía é ter apostado pola alta especialización. “Ofrecemos tecnoloxías moi avanzadas dentro do software libre para un nicho de mercado no que a oferta é baixa”, explica.

Tras realizar diferentes proxectos coa Universidade de Santiago (USC) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), en Igalia cren que o reto de cara o futuro pasa polos proxectos europeos onde, manteñen, se atopan “as verdadeiras oportunidades”. A filosofía da que logrou imbuírse a compañía reside en que os programas informáticos poden ser empregados, copiados, distribuídos e mellorados de xeito completamente libre sen que medien licencias nin requirimentos.

Innovar é moi importante pero éo tanto coma visualizar o mundo como mercado, apostar pola internacionalización. Non facelo así implica equivocarse porque o diñeiro aquí é limitado. Igalia decidiu atraer riqueza a Galicia a través do capital humano, co cal colaboramos tamén evitando a fuga de cerebros”. Xavier Castaño

TALENTO COOPERATIVO

Pero máis alá dos acordos con empresas internacionais, de non ter case competidores no mercado global e dun crecemento continuado na facturación, Igalia asumiu desde o seu nacemento unha filosofía empresarial baseada no cooperativismo, unha fórmula innovadora no seu sector que conseguiron manter no tempo. Tanto é así que o número de socios se ten duplicado ata os vinte grazas a unha política de empresa que permite a calquera traballador acadar ese estatus en catro anos, momento no que se equipara por completo a calquera outro socio en dereitos e obrigas a través dunha achega simbólica. Antes diso, cada empregado pasa a formar parte da asemblea xeral, órgano de decisión estratéxico da empresa, a partir do segundo ano en Igalia.

A asemblea celébrase cada dous meses e nela redefínense continuamente os retos e os mercados aos que dirixir as accións da empresa. Xavier Castaño explica que no ano 2005 viron a necesidade de especializarse en tecnoloxía e internacionalizarse. “Flexibilizamos a relación co teletraballo e cambiamos completamente a filosofía. Pasamos de ser unha empresa cuxa filosofía era ‘dende Galicia para o mundo’ a fomentar unha compañía global onde o teletraballo pasa a ser un modo de relación natural coa empresa”, indica. Dende entón hai empregados que realizan o seu traballo desde San Francisco, Finlandia, Bélxica, Madrid ou Barcelona. Un equipo multidisciplinar que se completa con vinte persoas traballando desde A Coruña e oito desde Pontevedra.

A xestión asemblearia, o espírito cooperativo e a internacionalización teñen sido claves para a implantación do inglés, o idioma no que os traballadores de Igalia se relacionan entre eles, independentemente do lugar de traballo ou do interlocutor. Saben que na combinación da innovación, na especialización e na internacionalización se atopan as súas grandes bazas. O capítulo de I+D+i absorbe o 25% da facturación.

Igalia tamén dedica unha partida económica a desenvolver accións para mellorar a calidade de vida, a conciliación ou a formación continua. A flexibilidade horaria, o teletraballo ou o fomento do estudo de idiomas son só pequenas mostras desta filosofía, pola que a empresa reinviste unha parte importante da súa facturación en mellorar as condicións laborais e as capacidades profesionais dos seus traballadores.

O proceso innovador está tan ligado ao seu modelo de traballo que moitos dos empregados rexeitaron importantes ofertas en compañías internacionais a cambio de desenvolver os proxectos para os que eran requiridos desde Igalia. A empresa tense convertido nunha aposta social e persoal. Bo exemplo é o 0,7% de facturación que cada ano destinan ao financiamento de ONGs.