SERVICIOS QUÍMICOS DE ALTO VALOR ENGADIDO

A compañía GalChimia nace no ano 2001 como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dende entón é a única empresa galega dedicada á investigación e desenvolvemento en química orgánica sintética para a industria química, farmacéutica e biotecnolóxica. Os seus acordos con empresas estranxeiras permitíronlle abrirse paso no mercado internacional, ao que dedican a maior parte dos seus esforzos.

A DIRECTORA EXECUTIVA DA COMPAÑÍA,

Carme Pampín, explica que GalChimia "non é unha empresa de produtos, senón de servizos. Nós diferenciámonos doutras spin-off en que non nacemos en base a unha tecnoloxía, senón ao coñecemento e ao know how que temos", explica. Esta diferenza competitiva fixo que presten servizos de investigación a outras empresas ás que transfiren coñecemento e desenvolvementos dende que se inicia a relación comercial. "Estabamos a facer as nosas teses doutorais e cremos que había nicho de mercado para unha empresa que ofrecese servizos de investigación química de alto valor engadido", explica Pampín.

Naceron ligados á USC, coa que seguen colaborando estreitamente e de onde obteñen a canteira de persoal cualificado para o desenvolvemento dos seus proxectos. Tamén forman parte do Campus Vida compostelán, co que traballan activamente en materia de investigación. "O que aprenderamos durante a nosa etapa de tese no departamento de Química Orgánica da USC decidimos aplicalo á empresa privada a través de GalChimia para chegar a empresas farmacéuticas, químicas e biotecnolóxicas. Dende Galicia convertémonos no departamento de investigación virtual de compañías internacionais e funcionou", destaca Carme Pampín.

Entre os clientes da empresa con sede no Pino (A Coruña) atópanse as farmacéuticas Almirall, Palau Pharma ou Esteve. Ademais, traballan para diferentes tecnolóxicas como Noscira, Midatech ou Genmedica.

Un dos acordos máis relevantes de GalChimia foi o alcanzado coa empresa portuguesa Alfama para a investigación e desenvolvemento de novos produtos farmacéuticos destinados ao uso médico e sanitario, un proxecto que contou con financiamento da UE. Ambas as dúas empresas traballan de xeito conxunto para lograr un candidato preclínico dun produto capaz de loitar contra o íleo postoperatorio (IPO), unha patoloxía que provoca unha demora na recuperación da función intestinal dun paciente tras someterse a determinadas operacións cirúrxicas. Este achádego reduciría o tempo medio de hospitalización dos pacientes afectados por esta doenza e, en consecuencia, o gasto sanitario. O acordo foi rubricado, segundo remarcan dende a compañía, "porque GalChimia conseguiu converterse nun socio ideal en materia de investigación, grazas á súa especialización en síntese química".

Recentemente, alcanzaron unha nova alianza, nesta ocasión coa empresa israelí HQL Pharmaceuticals, para a investigación oncolóxica. Ambas as dúas colaborarán na investigación e o desenvolvemento de moléculas inhibidoras de interaccións proteína-proteína dirixidas cara a rutas de apoptose, unha morte celular programada que se dá en organismos multicelulares e que posúe un papel crucial no tratamento do cancro. Os compostos seleccionados na investigación serán sintetizados nas instalacións de GalChimia a escala de miligramos e ensaiados bioloxicamente en Israel para obter os datos precisos de actividade.

A innovación é clave porque só se poderá superar a crise con dous factores: saír fóra, apostando pola internacionalización e facelo a través da innovación. Hai que facer algo diferente, mellorar os teus procesos, os teus produtos, os teus servizos e a atención ao cliente. Non podemos durmirnos". Carme Pampín

APOSTA POLA INNOVACIÓN ABERTA

Tal e como recoñece a directora executiva, este novo convenio coa empresa israelí supón un cambio no modelo de negocio. "Pasamos a traballar con empresas de biotecnoloxía non coma un provedor, senón coma un colaborador para desenvolver de xeito conxunto un produto que podería chegar a ser un fármaco. Temos que ser capaces de detectar as oportunidades que está a traer consigo a crise, apostando por compartir propiedade intelectual e levar a cabo proxectos de investigación que esperemos que nos retornen beneficios," expón. Un exemplo claro de como a innovación aberta pode levar a unha empresa a alcanzar alianzas estratéxicas para posicionarse nun mercado altamente especializado e en expansión.

Todos estes acordos fixeron posible que actualmente tres empresas internacionais estean a avanzar produtos en Fase I usando a química que GalChimia desenvolveu. A Fase I en humanos implica que se superou a proba de moléculas in vitro e tamén en modelos animais. As súas miras de futuro céntranse na internacionalización, unha meta que para mercados coma o de Estados Unidos se viu freada polas novas normativas de entrada de produto químico a consecuencia do 11-S. Un revés ao que se suma a depreciación do dólar fronte ao euro, así como as fusións entre as grandes multinacionais do sector farmacéutico, que botaron a perder algún dos acordos que lograran, tal e como recoñece a compañía.

Malia isto, GalChimia segue adiante cos seus proxectos, entre os que se atopa un traballo de investigación coa Universidade de Vigo e a da Coruña baseado na busca de aplicacións en química orgánica de encimas obtidas de organismos termófilos, microorganismos que viven en condicións extremas de temperatura en fontes termais de Galicia.

A innovación está presente na base mesma de GalChimia e afecta non só ao traballo en si e aos sectores aos que se dirixen, senón a cada unha das fases organizativas que a empresa mellora "de xeito continuo. Intentamos levar a innovación a todos os procesos da empresa", subliña a directora executiva. Tanto é así que quixeron dar un xiro no seu sector coa posta en marcha de campañas de marketing "atractivas e rompedoras".

En relación cos seus competidores, na súa maioría empresas internacionais, GalChimia destaca por ter sido capaz de ofrecer un servizo especializado en química co que conseguiu ser competitiva grazas á relación calidade-prezo. A facturación en 2010 supuxo 1,6 millóns de euros, unha cifra que a empresa agarda triplicar en 2016 grazas ao seu plan de crecemento. A cifra de empregados, 25 persoas na actualidade, tamén se verá multiplicada por tres no mesmo período.