RECOLLIDA DE LIXO INTELIXENTE

A empresa ourensá Formato Verde leva dez anos deseñando, desenvolvendo, fabricando e instalando contedores para a recollida de residuos sólidos urbanos, tanto na súa modalidade de superficie coma na dos soterrados. Sempre baixo a premisa de conxugar deseño e calidade, pretende solucionar o impacto estético que causan os colectores na vía pública. Nese contexto, a finais de 2011 presenta un contedor de carga lateral de superficie que incorpora unha solución en proceso de patente, segundo os seus creadores, pero compatible cos camións e cos sistemas de recollida xa existentes na actualidade.

O PROXECTO, PARA O QUE A CONSELLERÍA

de Economía e Industria achega 150.000 euros, presenta dúas diferenzas fundamentais con respecto ao resto dos seus competidores: o seu deseño, cunha tapa dianteira máis pequena, e cunha vida útil máis longa grazas á súa maior flexibilidade, o que garante tamén unha menor porcentaxe de roturas. Amais diso, o colector gaña tamén en estética, en hixiene e nunha maior resistencia a cambios de temperatura, o que repercute, en definitiva, nunha maior durabilidade do produto. Para poder acadar todas estas vantaxes, o director comercial, Marcos Rodríguez, salienta que a subvención da administración galega foi “fundamental” xa que sufraga a proposta en preto dun 40%.

Este equipo de ourensáns centrábase ata a chegada da crise no sector das urbanizacións con contidos ‘premium’. Tras a irrupción da desaceleración económica, desbotaron os produtos máis caros para centrárense noutros máis básicos e económicos.

A proposta que os fixo máis coñecidos internacionalmente foi o ‘Big Tainer’, que conxuga a función esencial da recollida do lixo coa integración das novas tecnoloxías. As TIC permiten que os contedores incorporen funcións de comunicación, de identificación do usuario e de seguimento do recipiente a través dunha web con obxectivos tan diversos coma coñecer o nivel de residuos acumulados, fixar alarmas ou incluso poder realizar un telemantemento, o que simplifica o traballo ao tempo que permite unha reacción inmediata en caso de emerxencia.

A empresa foi contratada por Abu Dabi para dotar destes contedores á cidade dos Emiratos Árabes Unidos, unha actuación pola que ingresou máis de 25 millóns de euros a través da súa filial internacional. A adxudicación incluía a instalación de 262 colectores nunha poboación que xera un gran volume de lixo (2,2 quilos de residuos diarios por habitante, o dobre da media europea). Co sistema ideado polos emprendedores ourensáns o lixo compáctase, o que permite reducir a frecuencia de recollida (pasa de tres baleirados diarios a unha media dunha retirada cada seis días en inverno), ao tempo que se gaña en capacidade, integración na cidade e hixiene.

A innovación cobra aínda máis importancia e o reto é aínda maior en tempos de crise. Antes, en época de bonanza económica, todo valía, pero agora hai que aforrar custos, e iso só se pode facer con innovación. Antes, buscabamos o bonito e o funcional; agora, coa innovación dirixímonos ao aforro”. Marcos Rodríguez

Unha das principais vantaxes do modelo deseñado pola empresa galega é a identificación do usuario que deposita os refugallos, o que prepara o terreo para que, no futuro, cada veciño pague en función do lixo que produce. Tamén instalaron un colector deste tipo en Málaga, nas inmediacións dun mercado do centro da cidade. Coa incorporación do sistema de Formato Verde, os malagueños puideron recuperar integramente unha rúa e mesmo instalar terrazas onde antes só había refugallos. Sobre a base deste proxecto, traballan tamén en iniciativas para Sudamérica.

Sen dúbida, o rápido despegue da firma ten moito que ver co seu departamento específico de innovación, formado por un deseñador industrial e con colaboracións dunha empresa auxiliar. O director comercial recoñece que o persoal destinado a I+D+i desempeña unha tarefa clave non só nas liñas de negocio polas que apostar, senón nos índices de crecemento que ten alcanzado a empresa. Marcos Rodríguez subliña que é un “departamento crucial”, xa que entende que a innovación é “o único elemento diferenzador” que permite ás organizacións que o incorporan vender cunha marxe razoable para superar os custos.

O investimento na área de innovación achégase a un 10% do volume de facturación, que só en territorio nacional é duns 5 millóns de euros. Para manter este nivel, Rodríguez revela que as axudas públicas son “absolutamente claves”, posto que se converten mesmo nun condicionante para executar os proxectos, tanto en termos económicos como temporais, xa que a presión do organismo de control “axuda” a desenvolver as ideas. Segundo o director comercial de Formato Verde, o investimento neste eido foi definitivo para que a empresa pasase de ter dous empregados a contar con 12 traballadores cun importante grao de especialización, xa que posúen perfís profesionais que van dende enxeñeiros superiores a comerciais pasando por deseñadores gráficos ou deseñadores industriais. A boa experiencia no terreo da innovación está levando á empresa a incorporala a todo o proceso produtivo.

A innovación, a profesionalidade, a ecoloxía y a responsabilidade constitúen a imaxe de marca de Formato Verde. Os emprendedores coidan os catro parámetros “ata o máis mínimo detalle”, explica Rodríguez.

Á marxe destes dous proxectos, traballan con vistas ao futuro en desenvolver un contedor de aceite doméstico que estará listo nuns meses, para o que contan cunha subvención da Xunta de Galicia de 17.000 euros. Céntranse, asemade, no lanzamento doutras modalidades de colectores de residuos sólidos, para o que tamén reciben axudas económicas da administración autonómica.