QUEIXO DE UNTAR Á CARTA

A empresa lucense Innolact, nacida en 2006 como unha spin-off universitaria da que forman parte varios investigadores da Aula de Productos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolveu máis de 30 variedades diferentes de queixo, desde a modalidade natural ata a light pasando pola mistura con diferentes tipos de herbas aromáticas.

OS 14 TRABALLADORES FIXOS DA FACTORÍA

son capaces de elaborar tanto queixos destinados ao consumo no fogar como formulacións a medida para os fabricantes industriais. Alimentos orixinais, tanto nos seus sabores (reciben peticións para combinar queixo con aceitunas, con algas ou con salsa de tomate) como na súa presentación, desde pequenas tarrinas ata cubos de maiores dimensións. Deste modo, Innolact pode moldear, baixo petición dos seus clientes, compoñentes específicos como o sabor, a textura ou o comportamento do queixo. É o caso, por exemplo, do 'Quescrem Plus', resistente a procesos de quecemento extremo e de conxelación sen perder a súa cremosidade; ou dos queixos exclusivos para sándwiches, máis brandos para non romper a base de pan ao extender o produto.

En definitiva, trátase dun caso claro de innovación aberta baseada nas demandas dos seus clientes: as modalidades de queixo e os retos que supón a súa formulación e fabricación veñen do exterior e na empresa é onde se lles busca unha solución viable e axustada ás necesidades dos destinatarios do novo produto.

Ademais, a empresa localizada no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea (Lugo) é a única de España en fabricar unha crema de queixo procedente da agricultura ecolóxica. Outra das súas singularidades é a comercialización do queixo tradicional italiano mascarpone, elaborado só por dúas compañías españolas. Trátase dun queixo máis doce e cunha menor acidez, o que o fai idóneo para sobremesas como o tiramisú ou para o seu uso en salsas.

O director xeral de Innolact, Jesús Zapico, enxeñeiro agrónomo, explica que aplicaron a tecnoloxía para aproveitar a leite mazada, un coproduto da industria láctea consistente na leite obtida despois da separación da manteiga e con propiedades nutricionais moi interesantes. O queixo crema obtense grazas á técnica da filtración selectiva empregada sobre esta leite mazada, que permite aproveitar ao máximo posible os seus compoñentes no produto final, e co engadido da nata que compran a empresas galegas.

A innovación é a única solución: ou facemos cousas novas e diferenciadas, ou o futuro de realizar un produto que xa existe vai ser moi curto. Hai moitas cousas inventadas, polo que no podemos vivir de producir máis do que xa se fai”. Jesús Zapico

UN PRODUTO PARA OS PROFESIONAIS

Zapico argumenta que, "ante a dificultade de dirixirse directamente ao consumidor final", Innolact optou por buscar unha canle diferente para comercializar os seus produtos: os fabricantes de alimentos elaborados. Así, venden o queixo crema a outras empresas que o empregan nos recheos de sándwiches, nas empanadillas, nas pizzas ou nas tartas de queixo. O director xeral explica que o millón de quilos de queixo crema producido anualmente destínase nun 45% a usos industriais, nun 40% ao sector da restauración e no 15% restante á venda directa en tendas. "Traballar co sector dos profesionais permite unha fidelización maior, xa que para este tipo de clientes non ten tanta importancia a marca como a calidade dos produtos e o servizo ofrecido," opina Zapico.

Segundo o director xeral, a ventaxa competitiva de Innolact reside "na mellor materia prima, na cremosidade dos produtos e nun prezo moi competitivo", fronte ás empresas da competencia, ademais da estratexia propia de deseñar "a medida" para os seus clientes. Proba do éxito dos lucenses é que prevén incrementar o seu volume de facturación desde os 2,5 millóns de euros de 2010 ata preto dos 4 millóns de euros en 2011.

Pese a que o 85% das súas vendas se realizan no mercado español, no último ano e medio o produto está chegando a todo o mundo, desde países próximos como Portugal ou Francia ata outros lonxanos: Líbano, Emiratos Árabes, India, China, Xapón, Corea e Chile. E é que a exportación constitúe unha das grandes apostas de Innolact, xa que, como explica Zapico, “temos que perder o medo a buscar mercados fora”. Con todo, recoñece que ás veces resulta difícil penetrar noutros países “por elementos alleos ao produto, como poden ser a cultura ou os costumes totalmente diferentes dos mercados de destino”. Sen dúbida, esas particularidades son as que provocan que existan alimentos que resultan tan extraños aos nosos ollos como os queixos con algas para os chilenos.

A proxección da marca tamén explica que estean desenvolvendo proxectos en colaboración con outras empresas, como un preparado especial para fabricar tarta de queixo. Para darse a coñecer resúltalles "fundamental" a súa presencia no Clúster da Alimentación de Galicia.

Innolact contou desde os seus inicios con valiosas axudas públicas, procedentes tanto do Goberno galego, a través da Consellería de Medio Rural, como de organismos nacionais, principalmente o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), co que asinaron un contrato para a investigación e o desenvolvemento en diversos produtos. Tamén é de destacar que a empresa está participada polas entidades de capital risco Xesgalicia e Unirisco Galicia e que recibiu diversas axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para mellorar a comercialización, a internacionalización ou o deseño dos seus produtos.

A compañía, que conta con 20 socios e na que o 80% dos seus 14 traballadores fixos son titulados universitarios, foi a primeira empresa láctea galega calificada como empresa de base tecnolóxica. Outra das súas peculiaridades é que ten acreditada a norma de calidade establecida pola gran distribución, a International Food Standard, -IFS- que, en palabras do director xeral, "é moito máis estricta que a ISO e abre máis portas no mercado internacional".

Jesús Zapico presume de que a súa vinculación coa Universidade é moi importante, sendo unha das empresas con maior número de proxectos de investigación compartidos coa Aula de Productos Lácteos de Lugo, ao tempo que destina a I+D+i unha contía económica correspondente ao 8% da súa facturación anual. Innolact posúe un departamento de I+D propio dedicado especificamente ás tareas de innovación, posto que o seu director xeral cre que “o 90% do éxito da empresa consiste en ter traballado dunha forma diferente á competencia”.