MOBLES QUE PENSAN EN NÓS

Cosman Fábrica de Muebles sabe perfectamente o que significa ter que reinventarse para poder saír adiante. A empresa familiar, afectada pola crise do sector, logrou sobrevivir tras apostar pola innovación e as novas tecnoloxías, unha incorporación aos seus produtos que foi posible grazas á alianza con dous centros tecnolóxicos galegos, provedores do coñecemento necesario a través da transferencia de tecnoloxía made in Galicia. Así conseguiron dotar aos seus novos produtos dun alto valor engadido.

A VIVENDA DO FUTURO

con máis confort, con aforro de enerxía, custos e tempo e con novas formas de entretemento, ocio e servizos, está máis preto de ser unha realidade grazas a Cosman Muebles. A empresa, cuxas instalacións se atopan en Coles (Ourense), deseña o fogar dixital, un espazo no que a través da integración tecnolóxica de equipos e sistemas se ofrece aos seus habitantes funcións e servizos que facilitan a xestión e o mantemento.

O mobiliario tecnolóxico que desenvolve a empresa ourensá e ao que o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e o Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS Madeira) achegan o know how tecnolóxico que se incorpora ás pezas, integra a conexión a redes de banda ancha para lograr a converxencia das comunicacións, a informática e o entretemento. Unha oferta máis completa que calquera das existentes "para a que non existen competidores", destaca o director comercial da empresa, Francisco Pérez.

Cosman Fábrica de Muebles S.L. opera dende xullo de 1975, un momento no que se desenvolve en Galicia unha florecente actividade artesanal dedicada ao moble. Dende entón a empresa soubo desenvolver uns coñecementos capaces de interpretar e dar forma á madeira. Isto ten lugar en tres centros de traballo diferenciados: un no que se seca, corta e mecaniza tanto a madeira coma o taboleiro; outro destinado á manipulación e acabado do moble; e un terceiro dedicado ao almacenamento do produto rematado para dar un mellor servizo no tempo de entrega. Estes tres centros de traballo suman unha superficie de 14.000 m² e están dotados cun equipo de 22 traballadores.

Non vexo saída sen apostar pola innovación a día de hoxe. A competencia é mundial en calquera sector, polo que todos pelexamos contra todos. Ou apostas por innovar e personalizar aquilo que fas ou fracasas". Francisco Pérez

Obrigado cambio de rumbo

Ata o ano 2008 a empresa conseguira posicionarse no sector do moble clásico, unha área na que é líder a nivel nacional grazas á venda de dormitorios e salóns, fundamentalmente. Os malos resultados das contas nese ano levaron aos dous irmáns que xestionan a empresa a pensar novas vías de negocio que permitisen remontar as perdas nas que entrara Cosman Muebles.

Un curso de project management abriu novos horizontes para Francisco Pérez e permitiu que a empresa, de profunda tradición familiar, incorporase a innovación para saír da crise e conquistar novos mercados. A forte competencia no sector do moble de produtos de baixo custo obrigounos a engadir unha nova liña de negocio baseada en "ofrecer produtos diferenciados e personalizados tanto a nivel de deseño coma tecnoloxicamente", remarca.

Os contactos co CIS Madeira foron claves. A través deles coñeceron a Gradiant e empezaron a soñar. "Tiñamos claro que o reto se centraba en diferenciarnos do resto e empezamos a ver posibilidades", explica Francisco Pérez.

Tras varias conversas cos novos partners decidiron apostar pola creación de mobiliario intelixente, para o que presentaron un proxecto ao Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) cun custo total de 1,2 millóns de euros. O organismo estatal asumiu financiar o 25% da idea para o desenvolvemento de tres produtos diferenciados: mobles de almacenamento intelixente, o dormitorio multimedia e a oficina tecnolóxica, todos eles baixo a etiqueta da innovación.

Os mobles de almacenamento a través de estantes incorporan un sistema dixital que permite depositar e rexistrar cada unha das pezas, da natureza que sexan: libros, cds, revistas ou catálogos. O dormitorio incorpora un sistema de televisión despregable especialmente pensado para persoas con mobilidade reducida, unha aposta polo ocio e as comodidades que se controla e dirixe dende a propia cama. O último dos produtos consiste nun sistema de mesas de oficina que integra potencia eléctrica, acceso a redes e telefonía coa eliminación da maior parte dos cables e permitindo unha maior conectividade entre todos os elementos que o compoñen.

A nova liña de produtos con base de madeira que desenvolve a compañía permitiralles, segundo o director comercial, alcanzar o volume de facturación do ano 2008, "cando as cousas empezaron a torcerse". Ata marzo de 2012 non empezarán a comercializar os mobles intelixentes, pero saben que será unha revolución no mercado, xa que, segundo os seus datos, non existen máis empresas que fabriquen produtos coas características que incorpora Cosman Muebles.

Os dous irmáns que dirixen a compañía teñen a vista posta no mercado internacional para dar saída aos novos produtos, pensados para un público de poder adquisitivo medio-alto que valore as capacidades dos mobles intelixentes, así como para institucións e administracións públicas comprometidas co deseño e as novas capacidades do mobiliario.

Para tratar de captar novos clientes aliáronse coa empresa Alumega de Lalín (Pontevedra), coa que traballan na fabricación de estantes para uso industrial e espellos de baño en aluminio e vidro dende os que poder consultar o correo electrónico, ver vídeos ou ter acceso á información meteorolóxica. Esperan que no ano 2012 o 50% da produción da fábrica proceda da comercialización de mobles convencionais a partir de licitacións públicas e obra privada. O outro 50% corresponderá aos mobles intelixentes. De ser así, teñen previsto un plan de expansión que recolle a creación dunha nova planta e a incorporación de 20 postos de traballos especializados. Pensando no futuro a empresa ten prevista a presentación dunha segunda parte do proxecto 'Fogar Dixital' xunto con outros catro socios por importe de 5 millóns de euros que se iniciará a principios de 2012.