MOTORES DE ALTO RENDEMENTO E PROTECCIÓN ANTIBALAS

Logo de máis de dez anos de investigación no Instituto de Cerámica de Galicia, Carmen Cerecedo e Víctor Valcárcel constituíron Neoker S.L, unha spin-off nacida no seo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e destinada á produción industrial de novos materiais para industria aeroespacial, aeronáutica e de automoción de alta competición, entre outras aplicacións. En concreto, a súa innovación baséase no desenvolvemento dun material cerámico en forma de fibra con características que permiten a fabricación de composites en base metálica, cerámica ou polimérica, que son materiais de reforzo e ultralixeiros con multitude de aplicacións.

ATA O MOMENTO FIXÉRANSE

numerosos estudos sobre fibras monocristalinas de alumina a escala de laboratorio, pero Neoker foi a primeira e única empresa que conseguiu fabricar o produto a escala piloto, cuxo escalado industrial dependerá da demanda. O material obtido é moi forte, tanto pola súa dureza e resistencia coma pola súa estabilidade térmica e química, o que o fai recomendable en aplicacións de alto valor engadido, principalmente en motores para a industria aeronáutica e aeroespacial, en sectores punteiros da industria do automóbil ou en defensa.

As características do produto deseñado e fabricado por Neoker confírenlle propiedades excelentes para a súa aplicación en balística, protección de vehículos, avións ou barcos. Tamén demostrou a súa idoneidade na fabricación de filtros para metais fundidos e materiais illantes de alta temperatura, en contornas quimicamente agresivas e que outros materiais alternativos non permiten abordar.

Na actualidade Neoker potencia contratos de desenvolvemento con centros de investigación e departamentos empresariais de I+D co propósito de elaborar pezas demostrativas cuxas propiedades convenzan aos clientes das vantaxes de incorporar o material nas súas aplicacións, como un modo de mellorar os seus rendementos. Carmen Cerecedo sinala que, malia que aínda son unha empresa pequena, "temos gran potencial". "Presentamos un produto complemente innovador, non renovamos, o que ás veces dificulta a entrada no mercado," recoñece.

A combinación das fibras de alumina que produce Neoker con tecidos permitiulle sumar propiedades. Así, traballan en colaboración con empresas dedicadas ao sector da defensa na fabricación de chalecos antibala e anticoitelo. A empresa xa alcanzou acordos con outras compañías, centros tecnolóxicos e universidades no ámbito nacional e internacional.

No ano 2004 o proxecto de fabricación de fibras monocristalinas de alfa-alumina foi seleccionado polas tres universidades galegas e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), conxuntamente coa Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia, para a creación dunha empresa de base tecnolóxica. Máis tarde Neoker convertíase nun proxecto subvencionado baixo o programa Iniciativas NEOTEC do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, (CDTI). O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Servizo Galego de Propiedad Industrial (Segapi) complementaron estas axudas.

Cando innovas tes o problema de que a entrada no mercado é máis complicada. As empresas son conservadoras e cando o produto é novo ten que convencelos, conseguir que confíen non só nel senón tamén na empresa. Despois vai de boca en boca: se alguén aposta por el, a competencia vaino querer". Carmen Cerecedo

Os dous responsables da compañía móstranse orgullosos das súas orixes e destacan a importancia do financiamento público que os avalou dende os seus comezos. Ao grupo de promotores iniciais uníronse en 2006 Unirisco e Uninvest, dúas entidades de capital risco que creron nas posibilidades de Neoker. En 2007 chegou un dos recoñecementos máis importantes: o Premio Nacional á Innovación na área de tecnoloxía industrial e dos materiais concedido pola Empresa Nacional de Innovación (ENISA) con motivo do seu 25 aniversario, galardón que compartiron con outra empresa galega, Nanogap.

Dende Neoker seguen máis preocupados por facer desenvolvemento e buscar aplicacións que por realizar vendas. Saben que a fabricación do produto a grande escala superará todas as expectativas creadas no plan de negocio da compañía, polo que destinan a súa facturación, aínda baixa, e os recursos públicos que obteñen a dar a coñecer un produto con base na súa capacidade para revolucionar numerosos sectores, principalmente o da aeronáutica ou o de defensa. Os seus contactos internacionais xa trouxeron consigo acordos con países como Francia, os Estados Unidos ou Xapón.

Unha das liñas de negocio pola que se decantaron é a fabricación de bandexas de soporte cerámico para a transformación do fuel como combustible no sector nuclear. En Neoker conseguiron obter un produto de menor custo que o que se utiliza neste tipo de combustión e máis ecolóxico. O proxecto, financiado polo CDTI, remata en 2012, pero a empresa instalada en Milladoiro (A Coruña) xa conseguiu que unha compañía rusa se interese pola súa compra.

Víctor e Carmen constitúen un claro exemplo da tenacidade e a paciencia no ámbito do emprendemento innovador. Tras moitos anos de investigación e traballo lograron poñer o valor comercial en coñecemento desenvolvido no laboratorio universitario plasmándoo nun plan de negocio e poñendo as bases para exportar tecnoloxía galega a todo o mundo. Polo momento, deseñan prototipos para que as empresas coñezan as vantaxes de aplicar as súas fibras. Unha vez que eses acordos iniciais frutifiquen, prevén ampliar o equipo actual de cinco traballadores e crear un forno capaz de fabricar o produto en cantidades industriais. Son únicos no mundo.