MELLORAR A COMUNICACIÓN EMPRESARIAL CUN SÓ CLICK

Conexiona Telecom naceu hai cinco anos no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense. Dende alí a empresa apostou polas comunicacións de voz baseadas na telefonía IP, unha tecnoloxía que permite integrar nunha mesma rede a transferencia de voz e datos. Logo de dous anos de traballo, atoparon a súa carteira de clientes, pero a voracidade dos seus competidores obrigou aos tres socios galegos a buscar solucións que garantisen o futuro para a compañía.

O APOIO DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA

e Industria a través da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) foi fundamental na traxectoria cara ao éxito, tal e como recoñece o xerente de Conexiona Telecom, José Antonio Losas. A incorporación ao equipo, formado por dez traballadores, dun xestor de innovación facilitou a elaboración dun plan de I+D+i co que asumiron a necesidade de "mellorar os procesos e crear produtos novos".

A empresa vén de sacar ao mercado o que eles denominan "toda unha revolución" aplicada a ámbitos de telefonía IP: o programa 'Exiacore', unha solución que permite manexar centrais telefónicas 'Asterisk' -baseadas en software libre e polo tanto, sen custo de licenza- de xeito integrado con todas as bases de datos e sistemas de xestión da empresa e sen necesidade de coñecementos técnicos.

O produto deseñado por Conexiona Telecom para mellorar os sistemas de comunicacións de calquera empresa presenta numerosas vantaxes. Entre elas, a liberdade que ofrece ao usuario, xa que é el quen decide que ferramentas incorporar ao interface da central de comunicacións e onde situalas. Para alcanzar o nivel de desenvolvemento que requiría o proxecto, a empresa contou coa colaboración da Facultade de Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), responsable da parte de intelixencia do produto.

Ademais, a programación da centraliña telefónica, que ata agora tiña que ser xestionada por un experto, é substituída por un interface web no que calquera usuario pode exercer o control, sen necesidade de intervención dun técnico especializado e dun xeito moi intuitivo. O proxecto foi cofinanciado con 54.000 euros por parte da Xunta de Galicia, sobre un custo total de 134.000 euros.

O 'Exiacore' permite ademais integrar a comunicación por voz en calquera outro sistema de telefonía convencional, fixo ou móbil, sendo o propio software instalado no produto o que decide a canle que vai utilizar para aproveitar a tarifa máis vantaxosa: telefonía fixa, móbil ou programas informáticos de conexión de voz en función do tipo de comunicación que queira establecerse, sexan chamadas nacionais ou internacionais, por exemplo.

A innovación introducida por 'Exiacore' non só reside no produto en si senón que entra de cheo na súa comercialización. Losas explica que decidiron que o cliente pague polo servizo en función do uso que fai deste, "sen a necesidade de facer fronte a un grande investimento inicial". En Conexiona Telecom sosteñen que quixeron ser especialmente sensibles co difícil momento que atravesa o sector ao que se dirixen, fundamentalmente instaladores e programadores externos.

Entre as numerosas vantaxes que os seus creadores asocian ao 'Exiacore' atópase o aliciente de que é o usuario o que manexa o programa dende calquera punto e plataforma, simplemente a través do acceso a unha páxina web. Os técnicos da empresa seguen a evolucionar o produto, polo que xa traballan nunha aplicación específica para utilizar con tecnoloxías Apple e Android, como un modo de seguir gañando universalidade.

A necesidade de diferenciación levou ao equipo de Conexiona a establecer alianzas con outras entidades, nalgúns casos de sectores complemente alleos ao seu. Foi o caso dun proxecto liderado polo Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) no que lograron exercer como provedores de tecnoloxía e no que tamén participan o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e o Centro Tecnológico del Mar y los Alimentos del País Vasco (AZTI-Tecnalia). Ao longo da súa traxectoria, a empresa conseguiu implantar a certificación ISO 9001 de calidade e a 27001 de seguridade da información, un xeito de fortalecer o valor da súa innovación.

A innovación é tan esencial como ter correo electrónico. Forma parte da esencia da empresa, do seu ADN. Se é posible innovar no mundo do papel hixiénico, que existe dende hai décadas, tamén é posible mellorar o sistema de venda ou de presentación de calquera produto. No caso de que nós non tivésemos innovado, é posible que xa tivésemos pechado".

PROYECTOS EN CIERNES

A nova visión do mercado centrada na innovación permitiu que Conexiona Telecom iniciase unha rolda de colaboracións con empresas máis grandes coas que planean, entre outros proxectos, novas solucións tecnolóxicas para hospitais. "A incorporación do xestor de innovación foi clave para o despegue da empresa", resume Losas, en referencia ao papel decisivo que este xogou no establecemento destas alianzas.

Asumiron que o reto pasa por "cambiar a idea que tiñamos de traballar: agora damos respostas máis rápidas e traballamos en proxectos moi diferentes". Ata hai dous anos a empresa centrouse na comercialización de dous produtos, pero agora o plan de xestión de I+D+i abriulles novas posibilidades, de maneira que a oferta de mercado se incrementará substancialmente ao longo do próximo ano.

"A idea é crecer e actuar coma unha grande empresa aínda que sexamos pequenos", resume o xerente. En marzo de 2012 estarán en disposición de presentar un novo proxecto de cocreación cunha empresa galega de ámbito estatal no que achegarán a parte tecnolóxica e a fabricación a cambio do know how. Un plan de expansión que fará precisa a incorporación de máis persoal, polo que esperan que o equipo aumente ao longo de 2012. Tamén o presuposto destinado a I+D+i sufrirá unha significativa evolución ao pasar de representar o 7% sobre a facturación en 2010, de 500.000 euros, a un 25% en 2012.

Os seus plans de futuro tamén contemplan realizar unha misión comercial ao Brasil nos vindeiros meses como unha oportunidade de aliarse con partners locais cos que distribuír produto. Suporá un novo paso: o salto internacional da compañía.

A previsión de investimento en I+D+i para 2012 é do 25% sobre o volume total de facturación.