OS ATÚNS DOS CINCO OCÉANOS, BAIXO CONTROL GALEGO

Os atúns de todos os océanos atópanse baixo o seguimento e o control da empresa Marine Instruments, con sede en Nigrán (Pontevedra). Mediante a integración en boias mariñas de equipos de localización e de comunicación por satélite, os armadores galegos saben en qué zonas se atopan os bancos de bonito.

ESTE CONTROL É POSIBLE GRAZAS Á

recepción de información de maneira permanente sobre o estado das grellas -as gaiolas que capturan o peixe instaladas polos barcos- a carón das que se colocan as boias emisoras de sinais co obxectivo de facilitar a pesca. Os dispositivos permiten coñecer a presenza dos túnidos na zona, o que facilita a súa captura.

Segundo o director xeral da compañía, Francisco Pino, esta tecnoloxía, ademais de ser respectuosa co medio ambiente por reducir as emisións de CO2 do barco, permite un dobre aforro aos pescadores: dun lado, gastan menos combustible, xa que non precisan desprazarse a cada punto no que instalan grellas para comprobar se hai atún ou non e, do outro, aforran tempo e poden mellorar a súa estratexia de captura de peixe. Estas vantaxes fan, segundo a empresa, que compense o investimento que require cada unha destas boias, que non supera os 1000 euros. Tendo en conta que un barco, só nunha hora de navegación, gasta máis de 200 litros de gasóleo, a boia acaba sendo economicamente moi rendible, indican en Marine Instruments.

Amais, o sistema conta coa vantaxe de poder enviar a información a calquera distancia, superando así as limitacións propias da transmisión radiofónica convencional, moi condicionada pola necesaria proximidade física entre o emisor e o receptor. Asimesmo, o sistema avanzado conta cunha maior autonomía ao incorporar tecnoloxía satelital solar, de xeito que funciona de modo continuo durante oito meses, momento no que debe ser substituído.

As boias presentan, a xuízo de Pino, “unha grande resistencia” aos golpes ao estaren feitas con plásticos polipropilenos. O obxectivo agora é reducir a presenza deste material para fabricar un produto máis ecolóxico que incorpore a madeira. Cada un destes sistemas pesa uns 7,5 quilos e non require de gasto en mantemento xa que os paneis que o integran permítenlle funcionar con enerxía solar.

Estes dispositivos atónpase xa en barcos de diversas nacións (españois, franceses, estadounidenses, coreanos...) repartidos por todos os océanos na zona ecuatorial, dende onde envían información sobre a cantidade de atún detectada coa frecuencia establecida polo armador de cada barco e que oscila entre os 15 minutos e as 12 horas. Os datos chegan á central da factoría en Nigrán, onde se interpreta a comunicación e se reenvía, dun modo encriptado, o estado detectado en alta mar ao software de visualización do barco propietario da boia.

A factoría dedícase á fabricación e seguimento de equipos de axuda para a pesca, fundamentalmente a do atún. Cómpre destacar que a galega é, xunto con outra empresa madrileña, a única do mundo que fabrica boias con este sistema. Segundo o seu director xeral, a presenza do mar a carón das súas instalacións é “esencial” a nivel estratéxico para poder facer probas e mellorar os seus produtos en condicións reais. Marine Instruments tamén traballa no control de flotas e en radioboias para o palangre.

A innovación é o que permite manter vivos no mercado os nosos produtos e é tamén a garantía do futuro da empresa. Hoxe en día, é impensable non incorporar a innovación, posto que permite reemprazar a guerra de prezos como a única maneira de sobrevivir. Nós apostamos por diferenciarnos para ser competitivos”. Francisco Pino

REVISIÓN DOS EQUIPOS ANTES DA VENDA

Francisco Pino atribúe o éxito do produto ás súas capacidades, “froito da innovación e o desenvolvemento, pero tamén dunha produción case militar”. Nese senso, salienta que as boias pasan ata 18 probas de calidade, así como tests de estrés en condicións extremas para que afloren “ata os fallos máis pequenos” na fábrica, o que redunda nun mellor funcionamento dos sistemas.

O deseño da boia coa sonda apoiouse en fondos públicos de promoción da innovación, grazas aos que a empresa puido adicar máis recursos económicos e reducir o tempo de execución do proxecto. Marine Instruments percibiu nestes últimos tres anos case 600.000 euros en subvencións da Xunta de Galicia, o que foi, segundo o seu xerente, “fundamental” para o desenvolvemento das súas iniciativas.

A empresa dirixida por Francisco Pino facturou en 2010 uns 11 millóns de euros, máis do dobre que o ano anterior, e as previsións para 2011 son boas, de xeito que mesmo se poden superar as cifras do último exercicio. Para acadar estes excelentes resultados económicos veñen contando coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), do Instituto de Catálisis e Petroleoquímica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para a patente dun catalizador de hidróxeno ou da Escola Técnica de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, coa que desenvolveron antenas. Ademais, Marine Instruments forma parte da Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura (PTEPA) e da Plataforma Tecnolóxica das TIC de Galicia (Vindeira).

Un dos piares da cultura empresarial de Marine Instruments é que preto do 30% dos seus empregados están involucrados directamente nos traballos de I+D+i, con dez enxeñeiros e dous técnicos consagrados a tarefas relacionadas coa innovación e a manexar a contía orzamentada para este fin, que ronda o 10% do volume de facturación. De feito, celebran reunións diarias para abordar a coordinación e a aplicación de ideas con compoñente innovador. Ademais, a través de contactos persoais entre técnicos e enxeñeiros, son quen de revisar a situación da actividade da empresa en todo momento e intercambiar opinións co obxecto de mellorar o servizo que prestan, ao tempo que se estimula a motivación e a implicación de todos os empregados na achega de novas ideas.

Outro dos resultados visibles en relación coa innovación é a patente de baterías que reducen a contaminación por hidróxeno provocada ao cargarse, ata o punto de poderen explotar, o que é un problema evidente para as boias. En colaboración con técnicos petroquímicos, foron quen de deseñar unha solución propia. Desde Marine adiantan que non será a última innovación da empresa galega, xa con 12.000 boias repartidas polas augas de todo o mundo.

O 30% dos seus empregados están involucrados en tarefas relacionadas coa innovación.