A LOUSA QUE SE ALIMENTA DO SOL

No ano 2009 Cupa vendía unha de cada catro lousas consumidas polo mercado internacional. Por aquel entón, cando a empresa con sede central en Sobradelo de Valdeorras (Ourense) era xa líder no mercado da lousa tanto en volume de produción coma de vendas, os seus responsables decidiron adiantarse á explosión da crise diversificando as súas áreas de negocio co obxectivo de diferenciarse da súa competencia.

O RETO QUE SE PROPUXERON FOI PROMOVER

solucións construtivas sostibles e de calidade, tanto en illamentos coma en xeración de enerxía, e para acadalo puxeron en marcha varias liñas de actividade innovadoras.

Unha delas deu lugar ao primeiro panel solar térmico de lousa natural, que recolleu diversos galardóns e recoñecementos, como son o premio ao mellor material de construción na IV edición dos Premios NAN e ao mellor produto na Feira Internacional de Construción Sostible (SAIE2010) celebrado en Bolonia (Italia). Tamén foi seleccionado na Galería da Innovación da Feira Internacional da Enerxía (Genera2011, Madrid) e obtivo o diploma de selección ao mellor produto na Feira Internacional da Construción (Construmat2011, Barcelona). Recentemente, foi nominado ao mellor produto na Feira Internacional da Construción Batimat2011 (París).

'Thermoslate', nome co que se bautizou o panel, foi desenvolvido por Cupa Soluciones, a división de negocio do grupo centrada no deseño de produtos de altas prestacións a partir do material que mellor coñecen: a lousa. Segundo os seus creadores, 'Thermoslate' é "o único panel que se integra perfectamente na cuberta, respectando a estética da vivenda ao tempo que aproveita directamente a enerxía do sol para quentar a auga de uso doméstico".

Tal e como explica o director de Cupa Soluciones, Carlos Loureiro, este panel achega máis de dous terzos das necesidades enerxéticas de auga quente sanitaria, ademais de funcionar como apoio á calefacción da vivenda. Tamén pode usarse no quentamento da auga de piscinas e xa se implantou en centros spa. SegundoLoureiro, 'Thermoslate' non precisa mantemento nin accesorios adicionais para disipar o exceso de calor, grazas ás propiedades da lousa natural.

Outra das solucións construtivas innovadoras que a empresa conseguiu posicionar como líder no seu segmento de mercado é 'Thermochip', un panel sándwich de illamento de cubertas que incorpora un núcleo de poliestireno extruído e un acabado interior decorativo. Segundo Loureiro, entre as súas vantaxes atópanse o elevado nivel de illamento térmico, o que aumenta a eficiencia enerxética do inmoble no que se instala.

O Grupo Cupa naceu no ano 1968 como unha empresa familiar que contaba coa colaboración dos propietarios de cinco canteiras galegas de onde extraían a lousa da comunidade. O director da división de Cupa Soluciones explica que a lousa galega "é a mellor que existe no mercado", unha fortaleza que atribúe á súa propiedade de exfoliación e á súa capacidade de transformación en diferentes formatos.

Ao longo da súa traxectoria, a empresa diversificou a súa produción coa incorporación a outros sectores coma o da pedra natural ou o granito, aínda que son as cubertas de lousa as que lles permitiron ser coñecidos nos mercados de Francia, Alemaña, Bélxica ou Reino Unido, países aos que exportan o seu produto dende os anos 70. Loureiro destaca o carácter "innovador e con vocación internacional" da empresa dende os seus inicios, un compromiso que se viu consolidado coa apertura de Cupa Innovación no ano 2004, a división que integra os proxectos de I+D+i que desenvolve a compañía.

Non podemos facer unhas zapatillas de granito se ninguén as vai mercar. A innovación permitiunos unha diferenciación da competencia moi clara e deunos pé a incrementar a competitividade empresarial. Agora estamos en todos os continentes".Carlos Loureiro

O OUTRO FOCO: A INTERNAZIONALIZACIÓN

Ademais de na innovación, a estratexia de crecemento do grupo ten a vista posta na internacionalización. Á marxe da división da lousa, con presenza en máis de 20 países dos cinco continentes, Cupa ten varias liñas de negocio máis cunha importante presenza internacional. A de pedra natural conta con tres fábricas propias de granito e un acordo con outras empresas vinculadas á extracción en países como Brasil, India, China ou Francia. Outra das liñas ten que ver coa construción de vivenda, unha actividade centrada en Brasil, onde contan co apoio dun socio local moi recoñecido: o ex futbolista do Deportivo da Coruña Mauro Silva. No país sudamericano a empresa desenvolve dúas liñas de actividade diferenciadas. Por un lado, constrúe vivendas para xente con poucos recursos en virtude dun acordo co Goberno brasileiro. Por outro, realiza promocións de maior calidade en São Paulo baseadas en edificacións de pedra natural. A empresa conta xa con vinte persoas traballando en Brasil para cubrir a parte do negocio que se desenvolve no país.

Por último, está a división de enerxías renovables, polas que o Grupo Cupa decidiu apostar de xeito firme. En Galicia conseguiron 120 megavatios do concurso eólico convocado pola Xunta, aos que hai que sumar o plan de expansión de renovables en Brasil, onde investiron non só na enerxía eólica senón tamén na hidráulica. "Queremos posicionarnos como un grupo de referencia en materiais naturais e eficiencia enerxética", explica Loureiro.

O 80% do volume actual de negocio do Grupo Cupa provén das exportacións, especialmente da venda de lousa. A compañía facturou 290 millóns de euros en 2010, unha cifra que espera manter neste exercicio. Dende a fundación de Cupa Innovación, formada por dez enxeñeiros, tratan de aplicar a innovación a todos os produtos que comercializan, con independencia da área de negocio á que pertenzan. Esta actividade levounos a establecer colaboracións con centros tecnolóxicos e universidades como a de Vigo, coa que fan ensaios sobre lume ou acústica aplicada aos materiais que comercializan. Cupa Innovación, con sede en Vigo (Pontevedra), desenvolve entre 8 e 10 proxectos ao ano, tanto de produtos coma de mellora de procesos.

A empresa conta hoxe en día con máis de 2000 traballadores repartidos por todo o mundo. O orzamento destinado a innovación supera o 8% da cifra de vendas e agardan que a ratio siga aumentando.

O investimento en I+D+i é do 8% sobre o volume total de facturación e a previsión é que o ratio aumente nos próximos exercicios.