INNOVACION PARA CONQUISTAR MEDIO MUNDO

A empresa Blu:sens nace no ano 2001 centrada no sector da electrónica de consumo, unha aposta por un mercado aparentemente copado polas grandes marcas coa que os seus dous socios galegos lograron darse a coñecer en España e empezar a colonizar medio mundo. O presidente executivo, José Ramón García, recorda os inicios da compañía, o nacemento dunha start-up con recursos limitados pero cunha idea ambiciosa en canto ao seu crecemento exponencial: lograr unha facturación de 100 millóns de euros en 2013 e presenza en alomenos 30 países.

NOS SEUS INICIOS, BLU:SENS CENTROU O

seu valor diferencial na creatividade tecnolóxica, “chegar antes que os demais a certos produtos”, como o modo para lograr recursos e reinvestir nas que definiron como as súas dúas grandes pancas: a innovación e a marca. O avance conseguido pola empresa dende aquel momento fixo que a día de hoxe invistan en innovación e marca o 15% da súa facturación anual. Esta cifra é superior aos 60 millóns de euros en España, está próxima aos 20 millóns de dólares en México e Centroamérica, supera os 6 en Sudamérica e os 4 en Oriente Medio.

A folla de ruta da compañía fixara dous escenarios temporais a bater. O primeiro deles, crear produto e vender no mercado nacional, un obxectivo no que se centraron ata o ano 2008. A partir de entón, chegou a maior aposta pola innovación como paso previo para dar o salto ao mercado exterior, a segunda das metas. “Sabiamos que en España podiamos ser creativos, pero no mundo tamén hai que ser innovadores”, subliña José Ramón García.

A crise de liquidez que atravesa o país obrigounos a medrar a un ritmo máis lento que o que o mercado lles reclama. A pesar diso, o plan de expansión internacional segue adiante e Blu:sens espera incrementar a súa presenza no exterior coa apertura de novas filiais en países como Brasil e Colombia en 2012. O presidente executivo da empresa explica que o crecemento segue sendo dun 40% “grazas a ter saído fora”.

Desde a compañía non só atribúen os bos resultados á internacionalización, senón tamén á capacidade de Blu:sens para buscar novos nichos de mercado e adiantarse aos seus competidores. Actualmente, as cifras de España están apoiadas pola venda corporativa que alcanzaron ao rubricar un acordo coas entidades financeiras BBVA e Banco Santander, ás que subministran os televisores que regalan ao captar clientes. Tamén pecharon un acordo tecnolóxico co grupo Telefónica para converterse en provedor homologado de terminais de punto de venda.

O último dos seus grandes logros foi a ‘web tv’, un produto deseñado integramente en Galicia que leva internet á televisión, no que investiron cinco millóns de euros para o seu desenvolvemento. “É unha aposta moi radical na que pretendiamos ser innovadores 100% e líderes. E estámolo conseguindo”, expón García. O dispositivo permite visualizar cine e series en streaming, acceder a redes sociais, ler a prensa ou gozar das posibilidades de internet a través de múltiples aplicacións, todo dende a televisión. “Enténdeo calquera persoa de calquera idade sen a necesidade de saber manexar un pc. É como cando o branco e negro substituíu a cor”, apunta. A empresa prevé incorporar este Nadal ao mercado, ademais da ‘web tv’ -un produto sen competencia internacional-, tabletas electrónicas Blu:sens cunha estética de produto moi fina e unhas funcionalidades e aplicacións moi completas.

Innovar É vender diferente. o que vai vender É o que sexa quen de facer as cousas distintas ou mellor. O que non pense en internacionalizar e innovar non vai subsistir. A este país só o van sacar da crise os emprendedores, xente nova e formada. Eles serán quen de facer as cousas de maneira diferente”. Xosé Ramón García

Un paso por diante da competencia

Cando Blu:sens bota a andar en 2001, os dous socios que dirixen a empresa dedicaron un ano enteiro a avaliar o mercado, coñecer o que facía a competencia e ver como ser diferentes. Hoxe son uns 200 traballadores directos de alta cualificación aos que suman moitos postos indirectos que xera a compañía nas súas diferentes subcontratas e colaboracións.

Un ano despois, en 2002, lanzaron un produto estrela no que ninguén pensara: un dvd compatible con divX que os converteu na primeira empresa de España comercializadora deste dispositivo. O éxito reside en “ofrecer máis que a competencia, ser máis rápidos, ter unha actualización constante de cada produto”, aspectos unidos a una boa relación calidade-prezo que os situou na mellor posición do mercado. “Necesitabamos gañar unha marxe elevada que nos permita reinventarnos, facer I+D+i propio, crear marca e estrutura. Estabamos no medio pero dando mesmo máis que a marca cara”, remarca García.

O produto que máis deu a coñecer a Blu:sens foi o mp3. A incorporación de conectividade inalámbrica aos reprodutores a través de bluetooth e wifi permitiulles manterse na cima. O seguinte nicho de mercado elixido foi o dos televisores, no que empezaron pola pequena e mediana pulgada. O proceso de fabricación e ensamblaxe faise íntegro en Galicia, co que obteñen un nivel de calidade “infinitamente superior”. A empresa fabrica 2000 aparatos diarios en Galicia. Só en 2011 venderon 350.000 unidades de TV LCD e LED no mercado nacional.

Unha vez que Blu:sens logrou o éxito no mercado español chegou a saída ao exterior, para o que deron entrada ao capital de Manuel Jove, quen se fixo co 47,5% da compañía, mantendo os dous fundadores a posición de control sobre ela. A partir de entón conseguiron presenza en máis de 20 países de todo o mundo con filiais en México, Dubai, China ou Sudamérica. O obxectivo pasa por que as vendas internacionais, que hoxe representan un 30%, representen o 70% en 2013. “Non saímos de España para conquistar o mundo. Fomos ao mundo para conquistar o mundo”, aclara García.

A compañía con sede en Galicia non exporta, senón que abre filiais internacionais que reciben a innovación e o know how desde Santiago. “Pensamos global pero actuamos moi en local”, unha fórmula que segundo García é a clave para ser igual de innovadores en todo o mundo porque “mandamos fóra a nosa forma de entender o negocio da electrónica, pero adaptámonos aos países para ser innovadores de verdade”, incide.

Ao longo da súa traxectoria colaboraron tamén coa Universidade da Coruña e a de Vigo a través do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). O apoio da Xunta tamén foi significativo durante os últimos anos xa que representa preto do 12,7% do capital investido en I+D+i destinado, sobre todo, á innovación en produto. “Contamos coa bandeira da innovación porque cada seis meses como mínimo sacamos ao mercado produtos que non ten ninguén máis”, destaca o presidente executivo da empresa.