INNOVACIÓN DE GRANDE ALCANCE A ESCALA NANOMÉTRICA

Nanogap é a única empresa no mundo capaz de producir a nivel industrial partículas por baixo do nanómetro, é dicir, dez elevado a menos nove metros ou unha milmillonésima parte dun metro. A idea empresarial xurdiu no ano 2005 despois de que o grupo de investigación da Universidade de Santiago ?NanoMag? rexistrase unha patente revolucionaria: os clústers cuánticos atómicos, unha tecnoloxía a escala inferior ao nanómetro.

A CONSELLEIRA DELEGADA E PRESIDENTA

do consello de administración de Nanogap, Tatiana López, subliña que se trata de partículas que “permiten traballar a escalas moi pequenas. Son materiais que presentan novas propiedades só polo feito de ter tamaños tan reducidos”. Os dous catedráticos responsables do achádego, Arturo López Quintela e José Rivas Rei (este último director do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía), pensaron dende unha óptica emprendedora e brindaron a oportunidade aos membros do grupo de investigación, profesores adxuntos, axudantes e doutorandos de participar na empresa. É por iso que Nanogap conta desde os seus inicios con 23 socios, aínda que son cinco os promotores estratéxicos que se encargan de definir o camiño que debe seguir a compañía. Desde o nacemento ampliaron capital até tres veces e deron entrada aos fondos Unirisco e Uninvest.

Entre as múltiples aplicacións dos clústeres cuánticos atómicos, a empresa desenvolveu unha materia prima que comercializa a compañías da industria química para a obtención de produtos antimicrobianos adecuados para lograr superficies extremadamente hixiénicas. Así, colaboraron na fabricación de materiais biosanitarios para hospitais, onde un material inadecuado pode supoñer un foco infeccioso, na instrumentación das salas de cirurxía ou nas pantallas táctiles dos equipos para as que se buscan materiais cunha baixa toxicidade. “Non vendemos ao consumidor final senón a empresas que van facer esas pantallas para os equipos de cirurxía, plásticos para facer sondas de temperatura ou catéteres”, explica López.

As aplicacións dos clústeres non son a única liña de negocio pola que se inclinou Nanogap. A conselleira delegada lembra que o grupo de investigación “leva máis de 25 anos traballando en nanotecnoloxía e o know how é enorme”, o que supón un gran potencial de posta en valor no mercado do coñecemento xerado no laboratorio.

En áreas máis convencionais lograron desenvolvementos con aplicación no mundo da electrónica, o mercado máis atractivo e no que a compañía se centrou a curto prazo. O reto consiste en dotar a diferentes materiais, como a tinta, de propiedades condutoras. A nova xeración de circuítos electrónicos farase sobre tecnoloxía impresa, polo que un circuíto poderase deseñar desde un computador, para logo imprimilo. Para iso Nanogap desenvolve unha tinta condutora. “É unha dispersión de líquido que, entre outras cousas, contén nanopartículas de prata que ao imprimir se funden e xeran eses contactos electrónicos”, engade Tatiana López para clarificar o proceso.

Outros dos produtos nos que traballan son as nanofibras como un substituto do ITO, un recurso natural escaso e moi fráxil cuxo mercado está dominado por China. Nanogap ofrece unha alternativa “máis ecolóxica, cuxas prestacións son similares pero coa vantaxe de ser un material flexible, con menor risco de rotura, o que permite a súa utilización en aplicacións onde o ITO non ten cabida”, como é o caso dos substratos flexibles do tipo dun tecido. Ademais, a industria aeronáutica tamén pode utilizar estas nanofibras, xa que neste sector téndese a substituír os metais por composites plásticos ou poliméricos con propiedades antiestáticas.

O desenvolvemento continuo e a capacidade de xerar produtos únicos no mercado situaron a Nanogap no mercado internacional desde os seus inicios. Europa foi o primeiro obxectivo da empresa, aínda que a fronteira pronto quedou pequena e comezaron os contactos con departamentos de I+D+i de grandes multinacionais e pequenas empresas ás que axudan a crear novos produtos baseados na súa tecnoloxía. A expansión da compañía levou aos seus socios a abrir unha filial en San Francisco, desde onde realizan o desenvolvemento comercial a Estados Unidos e a contactar con clientes en Xapón ou Corea.

Investir en innovación significa xerar unha empresa e unha economía sustentable. Hoxe teño un produto único no mundo pero sei que se non sigo innovando en catro anos EE.UU. ou Xapón sacan o mesmo produto e poida que mellor que o meu. Innovar é a maneira de competir e diferenciarse no mercado en calquera sector de actividade”. Tatiana López

ARRAIGADA EN GALICIA

Tatiana López subliña o mérito dunha empresa estreitamente vinculada coa Universidade de Santiago, da que se nutriu para ocupar un oco no mercado dende onde ser competitivos. De feito, Nanogap segue externalizando á USC as fases iniciais dos seus desenvolvementos con nanopartículas. “Tentamos codesenvolver produtos cos nosos clientes pero o que son a produción e a I+D mantéñense no Milladoiro e así seguirá sendo”, destaca, en referencia á localidade coruñesa lindeira a Santiago na que teñen as súas instalacións.

Até agora contaron con numerosas axudas públicas que lles permitiron iniciar varios procesos de negociación de subministración de materiais como as nanofibras para substituto do ITO e as tintas condutoras para circuítos electrónicos. Para iso, iniciaron un proceso de captación de fondos que lles permita ampliar a capacidade de produción actual, aquela que permiten os dous reactores de cincuenta litros cada un que ten a planta do Milladoiro.

A facturación duplicouse desde 2008, alcanzando os 200.000 euros en 2010. A incorporación dun xestor de innovación -financiado pola Xunta no marco da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA)- permitiulles “manter unha actitude máis proactiva, ver en que proxectos nos interesa participar e con que empresas”, remarca a conselleira delegada. Conscientes de que en Nanogap “innovación é todo”, optaron por que o xestor forme parte da área de desenvolvemento de negocio, “dende onde poder levar a cabo a vixilancia tecnolóxica e participar en todos os nosos proxectos”, indica.

Tatiana López ten claro o futuro da empresa: “situarnos como líderes a nivel mundial en partículas subnanométricas e como un referente en nanopartículas e iso pasa por facer innovación e continuar desenvolvendo produtos únicos no mercado”. O plan de crecemento implicaría duplicar o persoal actual, na que traballan doce persoas, todas elas licenciadas.

A empresa conseguiu o premio á compañia máis innovadora de España na área de materiais concedido pola Empresa Nacional de Innovación (ENISA) no seu 25 aniversario (compartido coa tamén galega Neoker) e o 1º premio en Galicia e o 5º premio nacional do certame Emprendedores XXI en 2011.