O HELICÓPTERO NON TRIPULADO QUE TODO O VE

A empresa Tekplus Aerospace, con sede en Vigo (Pontevedra) e de capital 100% galego, ideou, deseñou e fabricou un helicóptero non tripulado de tres metros de longo e cun peso máximo ao despegue de aproximadamente 80 quilogramos. Este artefacto está orientado principalmente ás funcións de vixilancia, tanto no segmento de defensa como no sector civil.

O PRESIDENTE DA FIRMA,

Marcos Carrera, apunta que entre as misións deste sistema aéreo de ala rotatoria, bautizado co nome de ‘Centauro’, se atopan a detección de incendios forestais, as aplicacións para o control do contrabando e os usos no sector da agricultura, como a dispersión de produtos químicos.

O vehículo aéreo está equipado con cámaras xiroestabilizadas que transmiten imaxe normal e infravermella simultaneamente e en tempo real. O sistema conta cunha autonomía de entre catro e seis horas (en función da carga de combustible ou dos sensores que incorpore) e acada un teito máximo de 3500 metros.

Entre as principais vantaxes do sistema, presentado en Brasil na primavera de 2011, atópanse o fácil manexo da aeronave e os seus sinxelos requisitos de mantemento. Mais un dos seus puntos máis fortes reside no feito de que as horas de voo do ‘Centauro’ son moi eficaces en termos de custo e, en consecuencia, altamente competitivas no mercado internacional.

Para o desenvolvemento do proxecto foron claves as liñas de axuda dos organismos públicos, tanto da Xunta de Galicia (a través dun crédito participativo de 850.000 euros de XesGalicia) como do goberno do Estado, que subvencionou a iniciativa mediante o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) con 1,33 millóns de euros procedentes do Fondo Tecnolóxico Europeo. Cabe salientar tamén que o ‘Centauro’ está considerado polo Ministerio de Ciencia e Innovación como un proxecto estratéxico aeronáutico.

É absolutamente fundamental e é claramente a nosa aposta, porque a empresa que innova en época de crise recuperará seguro o investimento nos momentos de esplendor económico”. Marcos Carrera

SINERXIAS ENTRE EMPRESAS GALEGAS

O caso de Tekplus Aerospace constitúe un bo exemplo de como a tecnoloxía punteira pode adquirir valor engadido aproveitando a experiencia e o coñecemento da súa contorna máis próxima: contan coa colaboración de empresas do sector mecánico vigués para a fabricación dos vehículos aéreos non tripulados, o que por exemplo lles permite aproveitar o aprezado know how dos seus soldadores de titanio. Carrera sinala que “nós aportamos a enxeñería e o coñecemento, pero aplicámolos coa gran experiencia do sector metal-mecánico da nosa contorna”. Nese senso, o presidente da compañía destaca que en torno a un 90% do produto está feito en Galicia, quedando só á marxe da comunidade certos compoñentes coma o sistema de navegación do vehículo aéreo. A satisfacción coa experiencia lévaos a colaborar na actualidade con empresas galegas do sector naval e automobilístico para vender sistemas completos de vixilancia integral.

Ao longo de 2012 iniciarán a comercialización do helicóptero no que levan traballando dende que en 2008 abriran a súa área de I+D+i ao desenvolvemento de proxectos para sistemas non tripulados. En 2011 ultiman a súa adaptación e fan os últimos retoques, mentres anotan xa intencións de compra de diversas organizacións enchendo un calendario que garante carga de traballo ata finais de 2012.

Á marxe do ‘Centauro’, a empresa galega tamén presta servizos de enxeñería, deseño e cálculo de aeroestruturas para o sector da aeronáutica. De feito, son provedores de nivel 2 para construtoras de avións como Airbus e tamén traballan para unha das súas principais rivais, Boeing. A liña de aeroestruturas de Tekplus Aerospace incrementou a súa facturación anual nun 40%, ao tempo que xerou 45 postos de traballo. Carrera cre que o que explica que a factoría galega lograse colaborar cos Airbus A320, A350, A380, A330MRTT e A400M é unha “moi boa selección de recursos humanos e enxeñeiros, así como un aforro significativo no desenvolvemento dos proxectos, que resultan moi competitivos e próximos ao cliente”, explica.

A empresa xurdiu en 2005 orientada ao sector aeroespacial e tamén ao automobilístico. Na liña de automoción, desenvolveron cascos de moto que mesmo están patentados, en colaboración coa Universidade de Vigo e con organismos coma o Centro Tecnolóxico AIMEN. Ademais, colaboran en diversos proxectos co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA). Na actualidade pertencen tamén ao clúster para a Tecnología Española de Defensa, Aeronáutica y Espacio (TEDAE). Tekplus Aerospace conta con tres sés en territorio nacional (O Porriño, Madrid e Sevilla) e cunha filial na India, creada co obxectivo de minimizar custos.

Mostra da importancia que lle outorga a empresa á innovación é que conta cun departamento específico de I+D+i formado por 15 persoas con perfís profesionais moi variados. Os 2 millóns de euros anuais de investimento en innovación tamén deixan ben ás claras o seu compromiso coa posta en valor no mercado de novas ideas. De feito, Tekplus investiu en I+D+i case o dobre do que facturou durante o ano 2010. Marcos Carrera salienta que a innovación é “intrínseca á nosa empresa”, ao tempo que afirma que a incorporaron en todos os procesos, dende os de calidade ata os de selección de persoal. De feito, xa están a traballar noutras versións do ‘Centauro’ con diferentes diámetros de rotor e pesos máximos ao despegue de ata 200 quilogramos, o que supón un novo chanzo na innovación continua de Tekplus.