O CORPO HUMANO VISTO COMO UNHA MÁQUINA

Corría o ano 2005 cando os irmáns Alexandre e Xavier Cornes se lanzaron a fundar Umana, o único centro sanitario de investigación biomecánica aplicada homologado pola administración en toda España. A empresa viguesa responde a un modelo baseado máis no coñecemento que na tecnoloxía. "Xeramos coñecemento co que obtemos tecnoloxías propias que explotamos en exclusiva", explica Alexandre Alfonso Cornes, un dos socios de Umana. Á súa beira camiñan xa mutuas de accidentes laborais, aseguradoras, hospitais e centros médicos e de rehabilitación.

A EMPRESA, CON SÉ EN VIGO, OCÚPASE

do estudo do corpo humano coma se fose unha máquina, para o que combina a ciencia biomecánica, a enxeñaría e a saúde. "É unha mestura entre a medicina e a enxeñaría mecánica", describen. As súas análises a pacientes non sempre teñen que ver coa rehabilitación dunha doenza, senón que tamén estudan o corpo a nivel preventivo, unha técnica especialmente útil para aplicar en ambientes laborais que implican riscos.

Con apoios como os de Uniemprende, o Programa Empresa-Concepto (promovido polas tres universidades galegas), o Ministerio de Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Consellería de Traballo, Umana consolidouse como iniciativa empresarial de base tecnolóxica. Os valores estratéxicos da empresa son o seu equipo humano, altamente cualificado, e o enfoque aplicado do seu traballo de investigación en biomecánica, o que, segundo os seus promotores, significa que todos os produtos perseguen unha mellora da calidade de vida en calquera das liñas de actividade que desenvolven. "Todas as nosas tecnoloxías levan consigo un beneficio social inmediato", destaca Alexandre Alfonso Cornes.

A primeira das súas liñas de negocio baséase no diagnóstico médico sobre problemas locomotores ou músculoesqueléticos. Dende Umana desenvolven unha tecnoloxía consistente en sensores que proporcionan información sobre o corpo e o impacto que sobre el supoñen as lesións que sofre o paciente. En segundo lugar, ocúpanse do deseño e fabricación de tecnoloxías aplicadas aos deportistas de elite de cara a realizar estudos de optimización deportiva avanzada.

Neste senso, desenvolveron para o Club de Remo Orio (País Vasco) e as Federacións Españolas de Remo e Piragüismo unha nova tecnoloxía coa que se poden obter datos sobre a forza, a fatiga ou a potencia entregada por cada un dos deportistas, unhas medidas que ata o de agora ninguén conseguira rexistrar. A partir do traballo de Umana, o equipo de deportistas puido desenvolver mellores técnicas para a competición, así como analizar o estado de forma dos seus membros. Grazas aos datos obtidos, os resultados do grupo en competición melloraron sensiblemente.

Umana aposta por xerar unha tecnoloxía nova cada ano que se converta nun servizo exclusivo. É o noso modo de entender a innovación: tecnoloxía única creada a partir do noso coñecemento para ofrecer servizos pioneiros. A clave non é o coñecemento, senón a capacidade de xeralo". Alexandre Alfonso Cornes

MELLORAS NOS POSTOS DE TRABALLO

A terceira liña de actividade da empresa céntrase na prevención da saúde laboral. Para iso, o equipo de Umana desprázase ata os centros de traballo que requiren os seus servizos co obxectivo de estudar como realiza cada activo a súa xornada laboral. A empresa sensoriza a actividade do traballador e calcula a porcentaxe de lesión que pode traer consigo tanto a curto como a medio e longo prazo, con especial atención ao risco de trastornos músculoesqueléticos (TME), os máis frecuentes no ámbito laboral.

Umana encárgase tamén de elaborar estudos sectoriais sobre problemas de saúde. Ata o momento prestou os seus coñecementos ao sector da automoción, o naval, o metálico, o conserveiro ou o agropecuario. Grazas aos sensores colocados no corpo de cada un dos traballadores coñécese a correlación entre o traballo e as lesións que padece o paciente, detéctase o punto exacto da tarefa na que aparece o risco e a partir de aí realízase unha proposta de redeseño do posto que mellore a saúde laboral do traballador. O impacto positivo destas medidas correctivas evidénciase ante o dato que revela que os trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral supoñen a perda anual do 2% do PIB europeo.

Ademais, a empresa desenvolve proxectos de ergodeseño, que consisten na mellora de produtos a partir da súa análise biomecánica. Ata o momento traballaron con colchóns, asentos, calzado sanitario ou cadeiras de rodas, tratando de facelos máis cómodos e máis saudables. O acordo coa empresa navarra Asientos Esteban permitiulles perfeccionar un asento destinado a autobuses, un produto optimizado que Umana recibiu prefabricado e que mellorou ata conseguir un modelo máis cómodo e saudable para o usuario.

A aposta pola innovación leva a Umana a embarcarse nun proxecto deste tipo cada ano. "Xeramos unha tecnoloxía nova por ano que se converte nun servizo novo e exclusivo. É a nosa innovación: tecnoloxía única que ofrece un servizo que non desenvolve ninguén máis", expón Alexandre Alfonso Cornes.

Dende que iniciaron a súa actividade a empresa medrou nun 500%, un avance que achacan ao feito de ter escollido un modelo de negocio baseado en aplicar eles mesmos a tecnoloxía que crean e non en vendela para a súa explotación por un terceiro. O equipo está composto por sete persoas: dous enxeñeiros mecánicos con especialidade investigadora en biomecánica, un médico experto en medicina laboral, dous informáticos, un industrial especializado en deseño e un enxeñeiro de telecomunicacións.

Grazas á axuda da Xunta desenvolveron un proxecto de investigación en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) destinado a desenvolver unha tecnoloxía para coñecer a confortabilidade técnica das pezas de vestir e o calzado. O custo total do proxecto superou os 153.000 euros, dos que a Xunta aportou a terceira parte. O número de proxectos de I+D+i levados a cabo dende 2006 é de 19, cun custo total de 675.000 euros. En catro deles contaron co financiamento da Xunta a través da Consellería de Economía e Industria.

Recoñecen que a innovación foi determinante no crecemento da empresa. É por iso que destinan o 45% do volume do negocio a este concepto. Ata o momento conseguiron dúas patentes: unha delas para unha cadeira de rodas e outra para un carro sanitario que mellora as dimensións e o peso dos convencionais co obxectivo de que sexa máis manexable.