O ALBARIÑO TYPICAL SPANISH

O viño Denominación de Orixe Rías Baixas etiquetado co nome ‘Paco&Lola’ foi concibido como un caldo destinado ao mercado internacional para un cliente cosmopolita que soubese valorar non só a calidade do albariño, senón tamén a súa imaxe. Desde a adega Rosalía de Castro de Meaño (Pontevedra) lograron embotellar un viño con forte personalidade e cunha rompedora imaxe que unida á súa frescura conseguiu traspasar a fronteira galega en poucos meses.

CANDO A ADEGA PONTEVEDRESA

comezou a súa actividade no ano 2005 os seus socios sabían que tiñan diante un duro reto: acadar clientes nun mercado fortemente atomizado e cunha traxectoria moi dilatada. A empresa, de base cooperativa, sabía que para despegar había que apostar por diferenciarse e innovar no modelo de negocio e na mercadotecnia. A directora xeral, Belén Varela, explica que se inclinaron “por un nicho de mercado a nivel internacional que non estaba cuberto” a través da creación dun albariño baixo unha etiqueta que fixese pensar en España.

A adega conta con 200 hectáreas de viñedo propio. As vides das Rías Baixas foron plantadas mediante o tradicional sistema do emparrado, o máis axeitado tendo en conta as características do terreo e o clima. O océano Atlántico aloumiña coas súas ondas as máis de 2,6 toneladas que os produtores transformarán nun albariño de gran calidade.

Belén Varela recoñece o acerto no nome. “¿Por que un viño non se vai poder chamar Paco&Lola?”. A dirección da adega considerou que sería un nome sinxelo de pronunciar e facilmente identificable con España. Defenden que o viño non ten por qué ser aburrido, senón que ofrecer un produto atractivo, seductor, divertido e fresco podía converterse nun reclamo, máxime nun mercado tradicional como o dos caldos.

A botella de ‘Paco&Lola’, baixo a etiquetaxe de lunares brancos e negros, converteuse no viño branco con máis estilo e divertido de España grazas á súa imaxe rompedora e pouco habitual. As instalacións da empresa foron decoradas igual que as botellas, de maneira que a adega desprende xovialidade por todas as beiras. A directora xeral recoñece que tamén hai un aceno ás orixes que se pode advertir nas dúas liñas branca e azul que percorren o envase. “É un recordo á bandeira galega”, indica.

A elección dunha marca universal foi todo un éxito e os resultados da compañía así o avalan. A adega de Meaño distribúe anualmente 600.000 botellas de viño branco das cinco marcas que comercializa e ten un volume de facturación que sobe dos 3,5 millóns de euros. A innovación en produto é constante e no ano 2010 lanzaron un novo viño chamado ‘Lolo’ co que agardan conquistar un público con menor poder adquisitivo que o de ‘Paco&Lola’. Os lunares son novamente os protagonistas das botellas, aínda que neste caso van dentro dun pequeno can que pretende invitar ao consumo, ‘Lolo’.

A innovación axuda a colocar os produos no mercado e pode ser a clave cando un ten necesidades concretas para medrar. Hai que dar moitas voltas para conseguir un viño diferente nunmercado coma o noso. A aposta pola innovación desde a recollida da uva ata ao embotellad foi definitiva para a nosa adega. Belén Varela

PRESENZA INTERNACIONAL

Paco&Lola ten conseguido introducirse nos mercados de máis de vinte países como EEUU, Canadá, Inglaterra, Alemaña ou Brasil. Entre as nacións onde acadar maior cota de mercado atópanse China ou Xapón, países nos que a inmersión ten sido máis discreta ata o de agora. “África é outro dos nosos mercados pendentes”, explica Belén Varela.

Malia que a imaxe e o deseño dos produtos lle teñen reportado grandes recoñecementos á compañía e un forte posicionamento no exterior, Paco&Lola non quere deixar de lado o coidado que se lle presta á viticultura, así como a implantación das últimas técnicas de elaboración do albariño, as verdadeiras artífices do éxito do produto. É por iso que as instalacións están dotadas coas últimas e máis innovadoras tecnoloxías aplicadas ao mundo do viño.

Na adega atópase unha das infraestruturas máis modernas e avanzadas da Denominación de Orixe. Os depósitos de aceiro inoxidable, as prensas pneumáticas, o tren de embotellado, o sistema de filtración e o control de temperatura de última xeración constitúen claros exemplos. Cando a cooperativa botou a andar contou cunha achega de 1,5 millóns de euros do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola (Feoga) para financiar o investimento de 6,4 millóns de euros destinado ás instalacións.

A adega que elabora o ‘Paco&Lola’ está auspiciada por 430 socios e 14 empregados que conforman a principal cooperativa produtora de viño das Rías Baixas. “Somos a maior en canto a número de socios e a terceira no tocante ao volume de produción de viños 100% albariño”, expón a directora xeral.

Outro dos produtos máis recoñecidos da adega é o licor de amorodos Paco&Lola galardoado polo seu packaging en Los Angeles Internacional Wine and Spirits Awards. Non é o único produto espirituoso que comercializan, senón que existe unha liña máis clásica denominada ‘Rosalía de Castro’ baixo a que se venden, sobre todo no mercado nacional, diferentes licores de herbas, café ou tostada. Outra das ofertas arriscadas da empresa é o ‘iWine’, un viño elaborado con neve carbónica do que producen 4.000 botellas ao ano para padais do máis selecto.

A conquista da xente nova e desenfadada á que se dirixen os seus produtos seguirá a potenciarse a través das redes sociais, ferramentas de apoio ao mercado polas que se decantaron desde os inicios da andaina. “Presumimos de ter alcanzado unha comunidade de pacololeiros”, gábase Belén Varela. A través do Facebook ou do Twitter son numerosos os internautas que relatan as súas experiencias asociadas ao consumo do ‘Paco&Lola’ desde todas as partes do mundo.

Tras a vendima deste ano, a empresa proba novos produtos cos que seguir sorprendendo ao mercado. Posto que as vendas a nivel nacional cumpren os obxectivos e incluso os superan, será o mercado exterior o que siga descubrindo a transgresión que propón ‘Paco&Lola’ a través do viño albariño. Non poden descubrir as estratexias empresariais para non dar pistas aos competidores, pero os plans de futuro recollen o lanzamento do seu primeiro viño tinto, así como estudos para a produción de caldos sen alcol.