DOCUMENTOS A PROBA DE FALSIFICADORES

Obter beneficios grazas á falsificación documental xa non é posible en varias administracións galegas, como son as Deputacións de Pontevedra e Ourense, ou os concellos de Vigo, Pontevedra ou Santiago. Todas elas implantaron a solución creada pola spin-off Bit Oceans (océanos de bites) para detectar a fraude por falsificación de documentos impresos.

DURANTE VARIOS ANOS UN GRUPO DE

enxeñeiros da Universidade de Vigo afanouse por atopar unha fórmula que puxese fin á falsificación do DNI, o certificado de empadroamento, un contrato, unha vida laboral ou un expediente universitario. A solución, bautizada co nome de 'Fividoc', consiste nunha aplicación informática que asocia cada documento cun código impreso nel, único e irrepetible. Cando se verifica a copia do documento orixinal a través dun escáner, o sistema 'Fividoc' fai posible detectar as variacións que sufriu a copia con respecto ao documento orixinal.

O sistema é tan preciso que mesmo advirte o lugar dentro da páxina no que se detecta o erro ou a diferenza en relación co documento orixinal, obviando as distorsións derivadas da impresión e o escaneo. "Hai outras entidades públicas e privadas internacionais que o intentaron pero nós fomos os primeiros en conseguilo", explica o director técnico da empresa e un dos socios promotores, Alberto Malvido. O descubrimento foi posible grazas ao traballo previo no Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo.

"Somos os únicos que conseguimos facer unha tecnoloxía que valida documentos impresos de xeito automático e que non depende do formato do documento, nin da impresora, nin do escáner, nin do papel", subliña Malvido. Este argumento foi clave para que o Ministerio de Presidencia decidise implantar este sistema logo de detectar un aumento da fraude nos documentos relacionados con Estranxeiría.

Bit Oceans constituíuse no ano 2008 e está formada por cinco socios e un plantel de dez persoas, na súa maioría enxeñeiros de Telecomunicacións. Logo de terse centrado no nicho das administracións públicas, a chegada da crise fíxoos abrirse a novos mercados con potenciais compradores do seu sistema de verificación documental. Agardan que, co tempo, o procedemento que idearon poida converterse nun estándar ademais para bancos, universidades ou colexios profesionais.

A innovación é crucial para a nosa empresa, a orixe mesma da súa creación e a raíz do seu crecemento. Sen ela é imposible diferenciarse, polo que estás condenado a desaparecer. Vivimos nun mundo globalizado e nunha situación na que internacionalizarse é crucial, o cal é imposible sen ser competitivo". Alberto Malvido.

A POLO MERCADO INTERNACIONAL

A empresa busca novos socios investidores para poder dar o salto internacional e vender o seu produto en mercados coma o mexicano e o brasileiro, nos que xa viron oportunidades de negocio. A facturación da empresa alcanzou os 250.000 euros en 2010, unha cantidade que agardan superar en próximos exercicios grazas ás súas novas vendas. Bit Oceans lanzou recentemente a primeira plataforma para as universidades a través de Universia, a maior rede iberoamericana de universidades na que se integran máis de 1200 entidades académicas de case unha trintena de países.

O proxecto inclúe a participación da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE), especialmente interesada en evitar a fraude nos títulos e certificados académicos que expide. Malvido explica cómo falsificaron expedientes académicos para mostrar graficamente ao cliente a forma de executar a alteración dos documentos sen que ninguén, agás a ferramenta, sexa capaz de detectalo.

O produto creado por Bit Oceans acomete melloras permanentes a petición dos clientes e do traballo continuo dos investigadores. Na Deputación de Ourense non só 'securizan' os documentos senón que realizan a compulsa electrónica, un procedemento que, segundo explica Malvido, permite un aforro directo do tempo para este trámite de ata un 75%, cumprindo a legalidade sobre administración electrónica.

A compañía segue adiante cos seus proxectos de futuro de cara a acadar unha maior cota de mercado en novos nichos. Para iso, desenvolven un proxecto de innovación tecnolóxica que permita validar documentos a través do móbil. O sistema está especialmente pensado para corpos de inspectores e seguridade que fan verificacións a pé como licenzas, por exemplo. Ademais, traballan nun novo desenvolvemento aplicado á firma dixital impresa para o que contaron coa colaboración da Xunta e son líderes do proxecto europeo 'Signed' que levan a cabo conxuntamente co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e empresas e universidades italianas e británicas, para deseñar novas técnicas de hashing (algoritmos destinados a atopar de forma máis rápida a información) aplicables no ámbito dos documentos imprimidos. Estes proxectos posúen un orzamento global que rolda o millón de euros.

O departamento de innovación da empresa dedica todos os seus esforzos a traballar no algoritmo para atopar novas vías de negocio e mellorar 'Fividoc' para adaptalo a novos ámbitos nos que aínda non entrou. "O futuro para Bit Oceans céntrase en garantir a seguridade documental impresa do mundo enteiro", explica Alberto Malvido mentres destaca que, polo de agora, a facturación da empresa se dedica integramente a innovar.

A compañía, participada case dende os seus inicios pola sociedade de capital risco Unirisco cun 25% do investimento, está inmersa nunha segunda rolda de financiamento para abordar o mercado exterior e desenvolver o seu plan comercial e de marketing, mentres agarda que a súa patente, xa aprobada en España, sexa validada internacionalmente. Segundo estes emprendedores con orixe na valorización de coñecemento producido na Universidade, con 'Fividoc' a falsificación documental será cousa do pasado.

A empresa logrou unha facturación de 250.000 euros en 2010 cunha previsión de aumento significativa para os seguintes exercicios.