O AUTOBÚS DO FUTURO ARRINCA EN SANTIAGO

Os especialistas da empresa carroceira Castrosúa están centrados na fabricación dun vehículo colectivo pensado para as cidades, especialmente ideado co obxectivo de que os usuarios de utilitarios aposten polo transporte público para os seus desprazamentos. Con esta filosofía a empresa creou o ‘Tempus’, o primeiro vehículo fabricado en España que pode funcionar con cero emisións en determinados momentos, en función das zonas da urbe nas que se atope.

A EMPRESA QUE MÁIS TEN CONTRIBUÍDO

á evolución dos autobuses a nivel estatal ten nome propio e galego: Castrosúa. A compañía, fundada en Santiago de Compostela (A Coruña) hai máis de 60 anos por José Castro, hoxe presidente do consello de administración, foi pioneira na fabricación de autobuses de chan baixo e embarque mediante rampa para persoas con mobilidade reducida, así como na implantación dos vehículos de gas comprimido ou licuado, un produto do que xa venden 250 exemplares cada ano.

A empresa, que conta con 500 empregados, tense especializado desde o seu nacemento na comercialización de carrocerías para autobuses. Castrosúa participa en concursos públicos con vehículos propios ou carroza a base mecánica de marcas como Mercedes, Scania ou Volvo. Desde hai dous anos tamén comercializa de xeito directo autobuses híbridos con tracción eléctrica que vende en cidades como Barcelona, Madrid ou Tenerife. A producción total supera os 500 autobuses cada ano, cunha cota de mercado do 50% a nivel estatal.

O director do departamento de investigación e desenvolvemento da empresa, Antonio Barreiro, explica as potencialidades do ‘Tempus’, un autobús híbrido que o condutor pode facer transitar só en modo eléctrico, o que permite circular en cascos históricos, contornos hospitalarios ou centros escolares con cero emisións. Ao abandonar eses espazos o condutor arranca de novo o motor mecánico.

Barreiro cre que o futuro da empresa no campo da innovación debe fixarse o reto de desenvolver vehículos eléctricos que non contaminen co gallo de conseguir que as cidades teñan un aire o máis limpo posible. Xunto a este obxectivo, cita outro: a información ao usuario, “necesaria para que este saiba cando chega o autobús e a disposición do tráfico no territorio. Só un autobús eficiente conseguirá que o transporte público absorba parte do privado”, apunta.

Innovación é sinónimo de supervivencia. O que non sexa capaz de aportar valor engadido aos produtos estará condenado a sufrir unha competencia brutal de países con man de obra máis barata”. Antonio Barreiro.

CON PROVEDORES DE COÑECEMENTO

A colaboración con universidades e centros tecnolóxicos é unha constante no traballo de Castrosúa, un claro exemplo de empresa cunha longa traxectoria que logra revalidar continuamente o seu liderato no mercado grazas á innovación, na que neste caso subxace un alto compoñente de transferencia de resultados de investigación procedentes de partners externos. É o caso do ‘Tempus’, desenvolvido con importantes achegas do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e das Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.

Tamén é o caso do proxecto que a Consellería de Economía e Industria subvenciona con 500.000 euros para desenvolver, de novo en colaboración co CTAG, un sistema de visión perimetral que permite detectar calquera obstáculo no contorno do autobús. Un sistema creado especificamente para incrementar a seguridade no transporte escolar.

O proxecto, en fase de industrialización, permítelle ao condutor ter unha perspectiva de 360 graos do exterior do autobús mediante unha imaxe cenital desde a cima do vehículo para detectar se existen pasaxeiros próximos ou obstáculos de calquera natureza. Ademais do seguimento a través dunha pantalla instalada no vehículo, o propio sistema emite sinais cada vez que aprecia movemento. Aplicable a calquera tipo de autobús, estará no mercado en 2012.

Este esforzo en innovación, que pode derivar nunha interesante liña de negocio, verase reforzado co desenvolvemento de novos vehículos híbridos e eléctricos, “posiblemente os autobuses do futuro”, remarcan na empresa. Os avances levados a cabo por Castrosúa propiciaron que en deseño, visión do condutor, ergonomía do posto de condución ou confort os seus autobuses “sexan os máis adiantados do mercado europeo”, subliña Barreiro.

Xunto coa Universidade Autónoma de Madrid traballan no desenvolvemento dun autobús de propulsión 100% eléctrica, un proxecto cofinanciado polo programa INNPACTO, unha iniciativa estatal de apoio a proxectos de cooperación entre organismos de investigación e empresas, con 800.000 euros.

A dirección de I+D da empresa atópase plenamente somerxida en novos proxectos de investigación, baseados, na súa maior parte, en solucións de mellora dos vehículos actuais. “En 30 anos poucos produtos industriais cambiaron tanto como os autobuses”, destaca Antonio Barreiro, quen recorda os primeiros exemplares con motor dianteiro mentres observa o ‘Tempus’. “É un sector que evolucionou moi rapidamente”, sentencia. Os plans da carroceira pasan por presentar novos proxectos relacionados coa seguridade en vehículos en relación cos atropelos ou coa protección do condutor ante un impacto frontal.

Con todo, saben que o incremento do volume de negocio virá dado polo desenvolvemento e venda do autobús híbrido ao que destinan boa parte dos esforzos dirixidos á innovación. Pese a que o custo deste vehículo pode representar ata un 30% máis que os autobuses convencionais, en Castrosúa defenden que é unha cantidade “que se amortiza co aforro de gasóleo”. No caso do vehículo 100% eléctrico, a incógnita pasa pola evolución das baterías, un mercado demasiado incipiente en Europa. Na empresa xa traballan cunha compañía finesa e outra americana ensaiando diferentes tipos de baterías. Temen que, do contrario, Asia gañe a batalla.

O compromiso do conglomerado de empresas que forman Castrosúa coa innovación e o futuro permitiulles manterse nunha posición líder. O volume de facturación da compañía en 2010 superou os 30 millóns de euros e as miras están postas na entrada en nichos de mercado internacionais, un sector moi protexido polas empresas locais e no que se sabe que a entrada non será doada, e na instalación de pequenos centros de mantemento deses vehículos. Será o porvir.