APAGAR OS XENES DO CANCRO PARA ACENDER VIDAS

Que o ADN contén toda a información humana non é nada novo. Si o é, pola contra, o sistema que propón a empresa galega Cembimo (Centro de Bioloxía Molecular) para detectar, atallar e previr o cancro.

OS SERES VIVOS FUNCIONAMOS CO

mesmo sistema co que operan os ordenadores, posto que ambos os dous están organizados en series binómicas de 0 (apagado) e 1 (acendido). Nese senso, o responsable da entidade lucense, o doutor patólogo Jesús Alba, exemplifica que o cancro supón que “se acenden xenes que tiñan que estar apagados”.

Para ‘apagar’ eses xenes e, dese xeito, acender vidas, o médico Jesús Alba, xunto co seu equipo, leva traballando dende 1998 con 150 mostras de cancros de mama. Un dos resultados da súa investigación foi a patente da ‘Histosonda’, un sistema innovador que cumpre un triplo obxectivo: detectar os ácidos nucleicos para averiguar de onde procede un tumor maligno, identificar os xenes que producen o cancro (os denominados ontoxenes) e establecer unha relación entre cancro e virus, os causantes desta enfermidade nun 25% a día de hoxe, unha porcentaxe que segundo apunta o patólogo “irá en aumento”.

A patente ideada na cidade das murallas presenta numerosas vantaxes, coma evitar os efectos secundarios de tratamentos máis agresivos, un abaratamento do proceso e mesmo unha maior rapidez na detección da patoloxía. A ‘Histosonda’, que etimoloxicamente significa “exploración da histoloxía” (parte da anatomía que trata do estudo dos tecidos orgánicos), conta xa con 28 variantes no seu catálogo para detectar cadanseu xen. Pero a empresa traballa en máis dun cento de sondas, polo que prevén que o abano de posibilidades medre de xeito inminente.

A empresa naceu en agosto de 2004, seis anos despois de iniciaren as súas investigacións, co obxectivo de “facer visible a bioloxía molecular” e no momento actual manteñen contactos cunha multinacional americana de base biotecnolóxica para comercializar o seu produto e distribuílo entre a súa carteira de clientes internacionais. A previsión é que en menos de dous anos a ‘Histosonda’ estea no mercado mundial, coa vantaxe de non ter, alomenos polo momento, competencia no sector.

A internacionalización constitúe un reto para os lucenses, xa que “o éxito non está en vender só en España, senón que aspiramos a chegar a todo o mundo”, confesan. Non en van, os seus produtos espertaron tanto interese que son varias as empresas multinacionais que se dirixiron a eles para exercer como intermediarios no proceso de comercialización.

Ata o de agora, as investigacións de Cembimo cínguense ao eido médico, pero non descartan ampliar a intervención a todas as ciencias biolóxicas, coma a veterinaria ou a botánica. De feito, a empresa colabora puntualmente con grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, así como con autoridades mundiais da rama clínica.

A innovación é triplemente importante: primeiro, para o individuo porque estimula o seu coñecemento e o seu crecemento continuos; segundo, para a ciencia dado que produce coñecemento; e, terceiro, para a economía pola posibilidade que abre para crear industria e xerar emprego mediante as patentes”. Jesús Alba.

AMPLIO ESFUERZO INNOVADOR

Para desenvolver o seu traballo, esta sociedade limitada lucense contou cun capital social inicial de 1,5 millóns de euros. A esta contía hai que sumar as achegas realizadas pola Consellería de Economía e Industria, como unha subvención de 162.000 euros do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) utilizada para financiar o 75% dun secuenciador (un lector da secuencia xenética extraída dun humano), ou outra axuda de 120.000 euros para un proxecto de I+D de estudo dos xenes implicados na metástase. Malia que os prazos de execución para esta última subvención chegarán ata 2013, a empresa cre que estará en disposición de presentar resultados un ano antes do previsto. Asemade, tiveron que recorrer á financiación privada, con senllos préstamos de 300.000 euros para avanzar nos seus proxectos.

A pesar de contar só con nove traballadores (un médico patólogo, dous bioquímicos, catro biólogos, un empregado de almacén e un administrativo), a empresa lucense é ambiciosa de cara ao futuro. O doutor Jesús Alba fíxase como retos chegar a comprender integramente o proceso do cancro, así como conseguir establecer unha correlación entre o modelo informático e as secuencias xenéticas. Cos pés no chan, matiza que “non imos acabar co cancro nun día”, pero iniciativas coma a súa contribúen a ver posible o fin dunha enfermidade cada vez máis estendida antes do previsto.

A empresa, que conseguiu as certificacións internacionais de calidade ISO-9001 e ISO-13845, ten neste momento nove proxectos activos, á marxe das colaboracións coa Universidade, “e moitos outros pendentes”. Por iso, non sorprende a afirmación do médico patólogo, quen, ante o chamativo de que unha investigación de tal calado se estea a levar a cabo na cidade das murallas, salienta que “en Lugo hai ADN coma en todas as partes”. Ou máis aínda, á vista do traballo desenvolvido por Cembimo.

A empresa ten actualmente 9 proxectos de innovación en marcha, á marxe das colaboracións coa universidade.